POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Noa Díaz visitou os nenos e nenas que participan no Territorio Xogantín

31/07/2019 A concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, visitou os nenos e nenas que participaron este mércores no programa A rúa é nosa! Territorio Xogantín, que se desenvolve durante as mañás dende o pasado luns e ata o 30 de agosto. A praza do 8 de Marzo é de novo o punto de encontro desta actividade, que promove o uso da lingua galega entre os/as máis novos/as vinculándoa ao espazo de xogo.

O programa ofrece un espazo de socialización en galego a través do xogo, contribuíndo a coñecemento por parte dos nenos e nenas do patrimonio lingüístico vinculado ao xogo. Ademais, é unha alternativa lúdica para os rapaces e rapazas que fincan en Compostela no mes de agosto. Desenvólvese de luns a venres, en horario de 11:30 a 13:30 horas. Non haberá actividade os festivos 15 e 16 de agosto.

Territorio Xogantín está dirixido a nenos e nenas entre 6 e 10 anos, cun máximo de 20 participantes cada día. Non fai falta inscrición previa, senón estar no punto de encontro, a praza 8 de Marzo, durante os primeiros 15 minutos da actividade. As persoas responsables simplemente teñen que cubrir un formulario cos datos necesarios para deixar os/as pequenos/as ao coidado dos monitores e monitoras.

A partir deste lugar de referencia, a praza do 8 de Marzo, os/as participantes móvense polas rúas e prazas da Cidade Histórica, segundo o requiran os diferentes xogos. Ao final, vólvese ao punto de encontro. En caso de choiva, a actividade faise a cuberto, na Casa do Matadoiro.

Os rapaces e rapazas están a cargo de monitores/as especializados/as da empresa compostelá Xandobela para, durante dúas horas, aprender xogar e organizarse para ocupar o tempo de lecer de xeito divertido, san, participativo, solidario, respectuoso co medio..., para ser quen de xogar sen intervención de guías, sen máquinas, xoguetes complexos ou grandes recursos. Ademais, promóvese o uso desprexuizado do galego, tendendo a convertelo na lingua na que funciona o grupo, e o coñecemento sobre o espazo, ampliando a rede de socialización dos nenos e nenas.

Compartir: