POLÍTICAS SOCIAIS

A concelleira de Políticas Sociais recibe un grupo de persoas xordocegas que rematou hoxe o camiño de Santiago

27/06/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, recibiu hoxe na praza do Obradoior as persoas con xordocegueira e os seus mediadores tras finalizar un tramo do Camiño de Santiago. Trátase dunha inciativa organizada por FESOCE, a Federación Española de Sordo Ceguera, e Xoga, a Asociación de Discapacidade Sensorial de Galicia. Na recepción tamén estaban presentes os concelleiros Alejandro Sánchez-Brunete, do grupo popular; Martiño Noriega, de Compostela Aberta; e Navia Rivas, do BNG.

Os peregrinos escolleron o Camiño Portugués e comezaron o percorrido en Vigo, o pasado 22 de xuño. Cada día camiñaban unhas seis horas. Cen quilómetros co obxectivo de visibilizar a xordocegueira "que é unha gran descoñecida"; segundo explicaba María Jesús Monterde, da asociación Xoga, e "para que se dote de recursos ás asociacións que traballan coas persoas xordocegas".

Desde a asociación Xoga, e desde FESOCE, tamén solicitan un censo oficial de persoas xordocegas. Sinala María Jesús Monterde "que en Galicia están moi dispersos e que non hai recursos". Na peregrinaxe participaron seis persoas xordocegas e dous mediadores por cada unha, aparte de voluntarios e traballadores das asociacións.

Hoxe conmemórase o Día Internacional das Persoas Xordocegas. Escolleuse esta data porque un 27 de xuño de 1880, nos Estados Unidos, nacía Hellen Keller, a primeira persoa xordocega que se graduou na universidade, sendo unha recoñecida escritora, oradora e activista política.

Compartir: