MEDIO AMBIENTE

O proxecto "Descarboniza! Que non é pouco..." bota o peche ao curso coas súas últimas actividades

26/06/2019 Durante os últimos meses, ao abeiro do financiamento da Fundación Biodiversidade dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, traballouse con 8 grupos nos centros cívicos do Concello, chegando directamente a máis de 120 persoas. As actividades rematan esta semana.

O martes 25 celebrouse una delas na Rocha, e o sábado 29 terá lugar a derradeira en San Pedro. No primeiro caso, organizouse un encontro veciñal no Lavadoiro da Rocha para falar sobre a relevancia deste espazo para a comunidade, e a importancia da cohesión comunitaria para enfrontar os desafíos do cambio climático; un encontro no que tamén se presentou o mural feito por Xoana Almar, da cooperativa Cestola na Cachola, deseñado colectivamente co grupo de traballo.

En San Pedro, no marco das festas do barrio, realizarase unha sesión informativa sobre o proxecto no "espazo ciencia"; unha sesión destinada sobre todo a familias na que analizar como nos afecta o cambio climático e que podemos facer nós para enfrontalo colectivamente.

Durante o presente curso, o proxecto "Descarboniza! Que non é pouco…" contou co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, dentro da liña de axudas destinadas a proxectos de adaptación ao cambio climático. Dende o pasado mes de xaneiro, nun traballo desenvolvido en paralelo coa Fundación Cristina Enea do Ayuntamiento de San Sebastián/Donostia, traballouse con 8 grupos en Santiago (Vite, Santa Marta, A Rocha, Sar, Lavacolla, Busto e Bornais -2-) e 3 en San Sebastián (Altza, Egia e Ategorrieta). A través de varias sesións de traballo, os grupos, compostos fundamentalmente por mulleres da terceira idade, analizaron as causas e consecuencias do cambio climático e tamén que podían facer elas para enfrontalo. Destas sesións xurdiron varias actividades abertas aos seus respectivos barrios: obradoiros de elaboración de pan, cosmética natural, plantas medicinais ou a elaboración dun mural como o de A Rocha, no que destacar a importancia da comunidade.

As conclusións do traballo desenvolvido neste curso serán trasladadas ás distintas administracións para valorar a súa continuidade e extensión a outros concellos. Así mesmo, o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen deseño o proxecto e foi o encargado da coordinación pedagóxica do mesmo, presentará nas próximas semanas as conclusións do proceso de investigación levado a cabo en paralelo ás actividades.

Compartir: