PROMOCIÓN ECONÓMICA

Santiago acolle do 3 ao 7 de xullo a quinta edición da feira de creación e innovación Maker Faire Galicia

26/06/2019 A Maker Faire Galicia celebra este ano 2019 a súa quinta edición, consolidándose como a máis importante da península, tanto en número de makers como de expositores. Ademais pasa de 3 xornadas a 5, con 3 días específicos para público profesional e 2 abertos a todos os públicos. O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, presentou en rolda de prensa o evento acompañado pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel, Vázquez Reboredo, e os organizadores Yolanda Iglesias e Rubén Beiroa.

As xornadas profesionais da Maker Faire Galicia terán lugar o 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. O obxectivo destas xornadas é achegar ás empresas o potencial que ofrece o ecosistema maker e xerar novas sinerxias entre as dúas comunidades. Ao igual que na edición anterior, a feira volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.

Durante os tres días haberá charlas e mesas redondas onde se tratarán temas tan de actualidade como a robótica, a ciberseguridade, o Open Data, a enerxía, a mobilidade ou a intelixencia artificial. Serán, en total, tres temáticas por día, segundo explicou na presentación Ruben Beiroa, membro da organización. Acudirán tamén con empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Siemens; e con empresas galegas de recoñecido prestixio como Finsa, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, "que contarán cunha zona de stands e presentarán os seus proxectos", sinalou Beiroa.

Na xornada do venres desvelaranse os 3 mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores. As xornadas organízanse en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financieiro de Galicia e se enmarcan dentro do Proxecto Capacita Directivos.

Ademáis de Rubén Beiroa, na presentación do evento, estiveron presentes o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e Yolanda Iglesias, tamén membro da organización da Maker Faire Galicia.

Para o rexedor, é importante "e fainos unha norme ilusión que actividades deste tipo se desenvolvan en Santiago", porque, "o futuro de Santiago e o futuro de Galicia vai depender da conexión entre os emprendedores e as novas tecnoloxías. Innovadores e creadores son as claves do éxito". O importante, dixo, é que eventos como o Maker Faire sirvan para que "os xóvenes, e os non tan xóvenes, innoven e emprendan. Diso depende o futuro, o traballo, o crecemento da cidade e a ampliación do noso tecido económico", engadiu Sánchez Bugallo.

A directora-xerente da Cidade da Cultura explicou que a colaboración co Maker Faire faise a través do Centro de Emprendemento, enfocado principalmente a proxectos culturais e proxectos tecnolóxicos, que desde a súa creacion xa albergou a máis de 600 emprendedores. Para Ana Isabel Vázquez Maker Faire é "un deses eventos claves no que os emprendedores poden amosar a súa creatividade, o seu traballo e o mesmo tempo compartir ideas".

Xornadas Abertas
As xornadas abertas a todos os públicos celebraranse os días 6 e 7 de xullo. Durante toda a fin de semana no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, de 10 da mañá a 8 da tarde, nenos, adultos e maiores poderán gozar de numerosas charlas e actividades para todos os gustos.

Entre os relatores destaca a figura de Soledad Ayuso, unha avoa maker que imprime todo o que se imaxina en 3D, desmitificando a idade como un factor limitante para convertese en maker. Seguindo coa parte tecnolóxica tamén poderemos desfrutar das charlas autoorganizadas sobre tecnoloxía que xestionan desde Compostela Tech e na parte máis científica os rapaces e rapazas de UDC Big Bang falarán sobre o 150 aniversario da táboa periódica.

No tocante ás actividades e obradoiros que se desenvolverán durante a feira hai variedade para tódolos gustos: pilotaxe de drons, creación de microscopios caseiros, mistura de papiroflexia e electrónica, arduino, programación… Un dos máis chamativos é o obradoiro de creación de próteses en 3D que despois se repartirán entre as persoas que máis as necesiten ó longo de todo o mundo.

E outra das actividades con maior participación será a Hebocon, unha competición de robots absurdos que na pasada edición captou a atención de pequenos e maiores e na que este ano animamos a todos a participar e axudarnos a convertela na maior Hebocon de España.

Seguindo coa construción de robots e misturándoo coa temática deste ano, que é a volta á orixe, ao rural galego, teremos obradoiros de construción de galiñas robóticas ou pitabots, coas que faremos concursos e espectáculos audiovisuais. Seguindo a temática do rural participará o artista galego Yoseba MP, autor dos murais de máis de 15 metros que podemos ver por toda Galicia, nos que retrata a mulleres do rural galego con super poderes.

Ademais os asistentes poderán visitar os stands de todos os expositores e expositoras makers que virán á feira. Entre eles poderá ver o de Bruno Moya, finalista na pasada edición, que virá para presentar a evolución do seu proxecto Glassear. Ou o equipo As Acacias Bot, composto por 10 alumnas de ESO, que conseguiron o terceiro premio na Final Internacional First Lego Plan Ceibal.

Segundo explicou Yolanda Iglesias, o obxectivo deste ano é converter a Maker Faire na feira máis importante de España, "e precisamos que a xente participe". Respecto ás anteriores edicións, confirmou que consolidaron este evento como o número un a nivel nacional, e un dos máis potentes a nivel europeo, posicionandose entre as cinco primeiras feiras para creadores e innovadores.

A entrada é gratuita para menores de 14 e maiores de 65 anos, para o resto terá un custe de 5€ os dous días da feira.

Compartir: