ALCALDÍA

A Xunta de Voceiros reúnese para preparar o pleno de organización deste venres

25/06/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, trasladoulles esta mañá a súa proposta aos os voceiros dos grupos con representación na corporación, Agustín Hernández (PP), Martiño Noriega (CA), Goretti Sanmartín (BNG) e Sindo Guinarte (PSOE). Na mesma establécese que o grupo de goberno, o PSOE, tería dez dedicacións exclusivas: a do alcalde máis nove concelleiros. O PP tería dúas; Compostela Aberta, 1,64; e o BNG, unha.

A proposta debaterase no pleno de organización convocado polo alcalde para o venres, ás dez da mañá. É, segundo o rexedor, moi semellante á "que veu funcionando no exercicio anterior" e "mantén o equilibrio económico desde o punto de vista do gasto". De momento, engadiu, o grupo de goberno só ten previsto utilizar nove desas dez dedicacións exclusivas. Segundo avanzou Sánchez Bugallo, está pechada co PP e co BNG, "e queda pendente dunha contestación por parte de Compostela Aberta".

O portavoz do PP, Agustín Herández, sinalou que "o alcalde trouxo unha proposta que casa perfectamente cos plantexamentos do grupo municipal popular". A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, destacaba que se mantén nos límites e nos termos do que existía ata agora. "Polo que se refire ao Bloque Nacionalista Galego, en principio parécenos aceptable" xa que, argumenta, mantén a dedicación exclusiva do Bloque, as dúas prazas de asesoría e a presenza nas comisións informativas. En canto ao portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega sinalou que a analizarán e fixarán a posición de voto no pleno, "pero non podemos facer unha avaliación positiva porque tendo máis votos e un concelleiro máis que o Partido Socialista hai catro anos, os recursos son os mesmos".

Personal eventual
No caso do persoal eventual, Sánchez Bugallo sinalou que é un tema "que está sen pechar e, en todo caso, é unha competencia da Xunta de Goberno". "O noso criterio é manter o mesmo gasto que está comprometido. No orzamento técnico que queremos presentar ao pleno, non queremos incorporar ningún tipo de modificación relativa nin a dedicacións exclusivas, nin a persoal eventual, nin a salarios, nin a nada", engadiu.

Comisións
Entre os cambios respecto ao anterior mandato, figura, segundo explicou Sánchez Bugallo "unha agrupación de dúas comisións, a de Políticas Sociais e a de Cultura que se unen coa de Participación Cidadá".

Compartir: