CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece este luns un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

31/05/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa "A Escola na Cidade", un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. Como colofón dos seus estudos, os/asmúsicos/as noveis protagonizarán varias actuacións nos vindeiros días, que terán lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. As entradas destes concertos son gratuítas ata completar aforo.

A primeira destas actuacións será este luns, 3 de xuño, ás 20:30 horas. Abrirá o concerto o percusionista Gonzalo Zandundo, que interpretará as obras de Bach Variación Goldberg nº 21 (un conxunto de pezas que o compositor escribiu por petición do conde Keyserlingk para que lle axudasen a conciliar o sono, e que lle tocaba cada noite o virtuoso clavecinista Goldberg) e un fragmento da súa Suite para laúde, seguidas de Asventuras, do compositor alemán Alexej Gerassimez, e de Attraction do francés Emmanuel Séjourné.

De seguido, o público terá a oportunidade de gozar co oboísta Martín Alves, que tocará o Concerto para óboe RV 447 de Antonio Vivaldi e Omaggio a Bellini, de Antonio Pasculli, unha homenaxe ao destacado compositor do bel canto italiano. Acompañarao a pianista Eriko Ishimoto.

Pola súa parte, a pianista Haruna Takebe acompañará ao derradeiro solista da noite. Trátase do trompetista Rodrigo Iglesias, que tocará parte do Concerto para trompeta de Stölzel e o Concerto para trompeta de Haydn, co que se porá o broche final a este primeiro concerto.

Esta iniciativa de "A Escola na Cidade" continuará os días 10, 11 e 12 de xuño con novos concertos dos alumnos e alumnas da Escola de Altos Estudos Musicais, tamén no Paraninfo da Universidade de Santiago.

Compartir: