FESTAS

Comezan as festas da Ascensión co concerto "Los40 Pop"

29/05/2019 A concelleira de Acción Cultural en funcións, Branca Novoneyra, deu hoxe os detalles do concerto que esta noite abrirá as Festas da Ascensión na praza da Quintana. Trátase de "Los40 Pop", unha tradicional cita nestas datas que fará bailar e pasalo en grande a miles de persoas. Na rolda tamén estiveron o director rexional da Cadena SER en Galicia, Mario Moreno, e un dos artistas que actuarán esta noite, o compostelán Roi Méndez.

Tal e como sinalou a edila en funcións, "é un pracer para nós abrir as festas cun concerto coma este, co que sempre hai un cheo total nunha praza tan emblemática como a da Quintana". O concerto comezará a partir das 21:30 horas e estará conducido polo popular presentador Tony Aguilar. A entrada é libre até completar aforo.

Biografías

Un dos cantantes que vai actuar esta noite na Quintana é o compostelán Roi Méndez, ex concursante de Operación Triunfo 2017, que está a triunfar co seu último sinxelo, "Plumas", que ten máis de 1,6 millóns de reproducións en YouTube e que visita a nosa cidade tras o seu concerto na Sala Capitol do pasado 10 de maio, no que presentou o seu disco Mi lógico desorden. Xunto a el actuarán outros dous concursantes do popular programa, Ana Guerra e Carlos Right, así como Ana Mena, Dani Fernández e Nil Moliner.

Ana Guerra saltou á fama con Operación Triunfo e co tema "Lo malo", que acadou o número 1 nas listas de éxitos con 180.000 compras dixitais, o que fixo que conseguira cinco discos de platino. Tamén conseguiu o éxito co tema "Ni la hora", no que contou coa colaboración de Juan Magán e co seu sinxelo "Bajito". En xaneiro deste mesmo ano viu a luz o seu primeiro disco Reflexión, que inclúe nove cancións.

Nil Moliner sacou o seu primeiro sinxelo en solitario en 2013, que reeditou no verán de 2018 e que leva por nome "Sale el sol". A principios de 2017 gravou o seu primeiro EP, Hijos de la tierra, producido por Manu Guix e Roger Rodés, composto por catro cancións do propio Nil Moliner. En 2018 foi o responsable da canción "Que nos sigan las luces", que o concursante de OT 2017 Alfred García incorporou no seu disco 1016. Xa en 2019 lanzou tres novos sinxelos que pertencerán ao seu vindeiro disco.

Carlos Right foi un dos concursantes máis queridos da edición pasada de Operación Triunfo e o mes pasado lanzou o videoclip do seu sinxelo "Se te nota", canción composta polo grupo colombiano Morat que defendeu na gala de Eurovisión. O videoclip ten xa máis dun millón de visualizacións en YouTube.

Ana Mena é tamén unha das artistas máis relevantes do momento. Aínda que se deu a coñecer como actriz cando participou na miniserie sobre a vida de Marisol en 2009, Ana Mena comezou na música compoñendo a banda sonora da película La piel que habito e en 2015 sacou o seu sinxelo máis exitoso, denominado "No soy como tú crees", que conseguiu estar entre as 50 máis virais de Spotify. En maio de 2018, Ana Mena publicou o seu primeiro álbum, Index. Está previsto que saque o seu novo sinxelo, "Chisme", o 31 de maio deste mesmo ano.

Dani Fernández comezou no mundo da música coa banda Auryn, coa que compuxo temas moi exitosos como "Heartbreaker", "Don't give up my game" ou "Who’s loving you" con Anastasia, acadando disco de platino co seu álbum Anti-héroes. Xa en solitario sacou o seu primeiro disco, Incendios, este mesmo mes de maio, tras dous anos de intenso traballo. Composto por dez cancións, é un traballo íntimo que amosa moita calidade artística.

Compartir: