FESTAS

O proxecto "Lorca namorado" e a feira cabalar protagonizan o día grande da Ascensión

29/05/2019 Compostela vive este xoves o día grande da Ascensión, que se abrirá coa tradicional feira cabalar no recinto feiral de Amio. A xornada tamén inclúe circo e variadas propostas musicais, entre as que destaca o espectáculo Lorca namorado, ideado e dirixido por Abe Rábade e inspirado nos "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca.

Lorca namorado xuntará no escenario a Salvador Sobral, Abe Rábade, Kike Morente, Arcangel, Marcelo DoBode, Davide Salvado e Susana Seivane, entre outros artistas. O espectáculo comezará ás 22:00 horas e celebrarase na praza da Quintana, con entrada libre.

Pero a xornada grande da Ascensión ofrece outras propostas musicais, como a actuación de Brassica Rapa, ás 13:00 horas na praza de Cervantes, incluída no programa Artellando no vermú. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, nova edición do Folk na rúa, coas actuacións das agrupacións Brincadeira, Colexiata do Sar, Cantigas e Agarimos e Ultreia polas prazas da cidade vella (Santo Agostiño, Toural, Cervantes e Obradoiro), antes de ofrecer unha actuación conxunta na Acibechería ás 20:00 horas.

A Banda Municipal tampouco faltará á súa cita na Ascensión, cun concerto titulado "Vaia Banda", no que estará acompañada do grupo de percusión Odaiko (20:00 horas, na praza das Praterías). Haberá música no paseo central da Alameda coa orquestra Satélites (22:30 h), e tamén no Toural, con Germán Díaz e Benxamín Otero, que presentarán o seu traballo Trece cancións bonitas. Este concerto, incluído no calendario do Artellando na noite arrincará as 23:30 horas.

O programa Artellando na tarde tamén ten unha proposta para este xoves na praza Roxa, onde estará a compañía brasileira Circo no Ato co seu espectáculo A salto alto.

Concurso Cabalar da Ascensión
Unha das citas tradicionais da Ascensión é o Concurso Cabalar da Ascensión, que como cada ano se celebrará no Mercado Nacional de Gando, en Amio. Os concursos arrincarán ás 10:00 h coas competicións de andadura galega serrada e chapeada. A continuación, celebraranse os diferentes concursos morfolóxicos de Pura Raza Galega: ementais maiores de 3 anos (11:00 h), eguas maiores de 3 anos (11:30 h), ponis (12:00 h) e cabalos e eguas percheróns (12:30 h).

Ás 13:00 horas terá lugar a entrega de premios e trofeos ás ganderías gañadoras dos diferentes concursos e do Gran Premio Dragóns de Santiago, trofeo institucional do Concello de Santiago que recaerá na egua ou cabalo de Pura Raza Galega que obteña maior puntuación nos concursos morfolóxicos da Feira Cabalar da Ascensión.

Rematada a entrega de premios e ata as 14:30 horas, realizarase unha gran exhibición ecuestre de doma. La Magia del Caballo (León) presenta un número de ximnasia acrobática con cabalos de Pura Raza Galega da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, a cargo de Corinna Sonja Spaenkuch.

Volta Ciclista da Ascensión
Outro evento tradicional da Ascensión que regresa neste 2019 é a Volta Ciclista da Ascensión. Comezará ás 15:30 horas, con saída e chegada na avenida de Xoán Carlos I.

A carreira terá un percorrido de case 130 quilómetros por Compostela e concellos do entorno, con dous portos puntuables, o alto de San Xurxo de Vea e o alto de Quintáns. A proba é a segunda do calendario da Copa Galicia 2019 e tamén é valedoira para a clasificación estatal nas categorías Elite e Sub-23.

Compartir: