EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música celebrará o seu Festival de Música e Movemento os días 7 e 8 de maio

30/04/2019 Os días 7 e 8 de maio, ás 18:30 horas, o Teatro Principal acollerá o Festival de Música e Movemento que tradicionalmente organiza o Departamento de Música e Movemento da Escola Municipal de Música. O evento ten por finalidade dar a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses na Escola e contará coa participación de máis de 185 alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos, acompañados do profesorado da EMM e das súas familias.

A idea na que se inspira o Festival de Música e Movemento xorde de dous proxectos musicais de país: Soños na gaiola, proxecto editorial e musical baseado na obra poética de Manuel Antonio, e Na punta do pé, proxecto musical de Pesdelan, editado por Kalandraka para motivar a aprendizaxe dos bailes e danzas galegas entre os máis pequenos e pequenas.

Para o festival, contando con ambas as dúas propostas, realizouse unha selección pedagóxica de números musicais para cantar e bailar en galego .Será unha homenaxe á nosa literatura, á nosa tradición oral musical e á nosa cultura viva, patrimonio inmaterial do pobo galego.

Tendo en conta que a idea orixinal do festival deste ano parte dunha homenaxe á cultura oral, literaria e musical do pobo, pensouse en que a idea estética do festival estivese vencellada co mundo etnográfico e antropolóxico da cultura. Así, as nosas cantigas acompañaranse co fotografía etnográfica, xurdida dunha escolma da obra fotográfica de Ruth Matilda Anderson e de José Suárez. Cada peza estará ilustrada polo seu texto literario e por unha imaxe fotográfica que ilustrará o acerbo cultural e cotiá galego de principios de século XX.

Compartir: