ADMINISTRACIÓN

Nova convocatoria de catro prazas de coordinador/a de Centros Cívicos

29/03/2019 O Boletín Oficial da Provincia publicaba esta mañá o anuncio polo cal o Concello vén de convocar catro prazas de coordinador/a de Centros Cívicos, co obxectivo de fortalecer a rede de centros, dotándoa dunha mellor estrutura funcional que permita mellorar a coordinación e o control deste servizo público.

A dimensión actual da Rede de Centros Cívicos, que supera con moito á da súa concepción orixinal, fai necesaria unha nova organización do departamento, con maior exixencia de cualificación técnica no persoal responsable de coordinar o servizo. Como exemplo, na última década abríronse novos centros cívicos de referencia como os de Santa Marta e O Romaño. A Rede conta na actualidade con 46 instalacións repartidas por todo o territorio, nas que se desenvolven numerosas actividades de diversa índole. Trátase ademais dun dos eixos de socialización e acción cultural en barrios e parroquias.

Con esta promoción interna, búscase empoderar ao persoal municipal, axeitando a súa categoría profesional ás tarefas e funcións que deben asumir como responsables de centros cívicos municipais.

Proceso selectivo
As prazas convocadas están encadradas dentro do cadro de persoal laboral do Concello de Santiago, equiparadas ao subgrupo A2. Para poder optar ás mesmas precísase ser persoal laboral fixo do Concello de Santiago, con praza de educador/a-monitor/a ou animador/a sociocultural, e ter prestado servizos en ditas prazas por un período mínimo de dous anos. Tamén se exixe posuír a titulación académica de Enxeñeiro/a Técnico, Diplomado Universitario, Arquitecto Técnico, Formación Profesional de terceiro grao ou equivalente.

O proceso está formado por unha fase de oposición, formada por dous exercicios e outra de concurso, onde se valorarán méritos e experiencia laboral. O primeiro exercicio teórico consistirá en desenvolver por escrito, nun período máximo de catro horas, un total de dous temas sacados á sorte, un deles das materias comúns e outro das materias específicas, que aparecen nas bases da convocatoria. O exercicio deberá ser lido ante o Tribunal. O segundo exercicio, de carácter práctico, consistirá na redacción dun informe técnico referido ás tarefas das prazas convocadas, nun período máximo de tres horas. Para a súa realización os aspirantes poderán utilizar a documentación que estimen pertinente.

Compartir: