ALCALDÍA

Compostela, Ames e Teo volven colaborar no proxecto Enreguéifate

29/03/2019 Xa está en marcha unha nova edición do proxecto Enreguéifate, impulsado polos concellos de Santiago, Ames e Teo para promocionar o uso do galego a través da improvisación oral en verso. O próximo luns abre o prazo de inscrición para presentar os vídeos ao certame de regueifas, e comezan tamén os obradoiros de improvisación nos centros educativos de Compostela.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega; as concelleiras de Ames, Isabel Vaquero, e Teo, Pilar Faxil, e o regueifeiro Manolo Maseda, presentaron hoxe a nova edición do proxecto Enreguéifate. O rexedor compostelán lembrou que este programa "quere aproveitar o rexurdir que está a experimentar a regueifa e utilizar o seu enorme potencial como ferramenta para que os mozos e as mozas se animen a expresárense en galego". Martiño Noriega incidiu en que "é precisamente na xente máis nova e na comunicación oral na que a nosa lingua está a amosar unha maior febleza, e entendemos que a regueifa pode promover comportamentos favorables cara o uso do galego".

Ademais, quixo poñer en valor "a colaboración entre os concellos de Santiago, Ames e Teo neste programa, da man das súas equipas de lingua e demostrando que non hai fronteiras administrativas para iniciativas coma esta". Na mesma liña, a concelleira de Teo Pilar Faxil expresou a súa satisfacción "por seguir colaborando con este proxecto, que esperta un enorme interese na rapazada, que nos sorprende coa súa capacidade para regueifar".

O regueifeiro Manolo Maseda, impulsor deste proxecto, recoñeceu que "é un soño cumprido que o proxecto Enreguéifate chegue xa á súa terceira edición, e que o faga mostrándolle á mocidade que moito antes do rap tivemos a regueifa".

Certame de regueifas en vídeo
O programa Enreguéifate inclúe varias accións, entre as que destaca o certame de regueifas en vídeo, que xa se vai consolidando e que o ano pasado superou os 70 participantes.

O próximo luns, 1 de abril, abre o prazo para a presentación de vídeos, que se estenderá ata o 10 de xuño. Como en edicións anteriores, establécense dúas categorías: unha xeral, na que pode participar calquera persoa; e unha escolar, dirixida ao alumnado de ensino non universitario, que representarán ao seu centro educativo. Os vídeos terán unha duración máxima de tres minutos, e neles deben aparecer cando menos dúas persoas.

Haberá premios para as mellores regueifas en seis categorías: a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. A entrega será o 27 de setembro, nun acto que se vai celebrar no Teatro Principal.

Obradoiros de improvisación oral
Dentro do proxecto Enreguéifate tamén se van desenvolver obradoiros de improvisación oral nos centros de ensino de Santiago, Ames e Teo. A concelleira de Ames Isabel Vaquero explicou que o obxectivo das sesións "é que o alumnado aprenda métodos de improvisación oral, visibilizando a importancia da lingua galega pero tamén de utilizar unha linguaxe non sexista e non homófoba". Os obradoiros, que inicialmente se dirixen ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, serán impartidos por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Sara Marchena.

No caso de Compostela, haberá sesións dende o luns e ata o 3 de maio nos IES Antonio Fraguas, Pontepedriña e Eduardo Pondal, nos CEIPs das Fontiñas e Lamas de Abade, e no CPR Vilas Alborada. En Ames xa se celebraron obradoiros nos IES do Milladoiro e Bertamiráns, nos que participaron un total de 250 rapaces e rapazas, e está previsto un terceiro no club de persoas xubiladas do municipio; e en Teo están previstos para os días 10 e 11 de abril nos CEIPs dos Tilos, A Ramallosa e Calo.

Como novidade, este ano o programa Enreguéifate elaborou unha unidade didáctica específica, que será distribuída entre o profesorado para facilitar pautas para traballar coa regueifa nas aulas. O material foi preparado por Manolo Maseda e Sechu Sende.

Compartir: