POLÍTICAS SOCIAIS

Seis entidades do barrio de Conxo traballan nun proxecto de radio comunitaria

28/03/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, deu conta hoxe dunha nova edición do proxecto de radio comunitaria que se vai desenvolver no barrio de Conxo. Na rolda estivo acompañada de Ramón Molina, educador social e promotor da acción.

Trátase dun "proxecto socioeducativo que pretende familiarizar as e os participantes das entidades implicadas co medio radiofónico", segundo indicou Concha Fernández. A clave radica en entendelo como un recurso que permita abordar o desenvolvemento de diversas competencias formativas e de sensibilización dende a propia comunidade.

Pola súa parte, Ramón Molina explicou a dinámica das sesións, que se desenvolverán ata final de ano, e fixo fincapé na finalidade das mesmas como é "construír programas dende a comunidade e facelos reivindicando a diversidade". Os podcast poderán descargarse nas páxinas de cada entidade, así como en www.compostelaintegra.org.

Nesta edición o proxecto volve contar coa participación de seis entidades da rede de traballo Conxo, Compostela Sur: IES Eduardo Pondal, Fundación Down Compostela, Casa Familia Dignidade, Centro Cívico de Conxo, CEIP Quiroga Palacios e, nesta edición, súmase o Psiquiátrico de Conxo.

Obxectivo e dinámica
O proxecto de Radio comunitaria pretende ser un altofalante dinámico e formativo para os diferentes colectivos do barrio de Conxo, na que o medio radiofónico sexa unha canle de transmisión de valores educativos e de posta en valor daqueles elementos culturais e sociais do barrio.

Deste xeito, o emprego da radio convértese nun recurso didáctico dirixido a educar en valores e por en valor o propio territorio, dende os centros de interese de cada unha das entidades.

Cada unha delas desenvolve individual ou conxuntamente un programa radiofónico, centrado naqueles eixes temáticos que son do seu interese ou que teñen unha perspectiva comunitaria. Deste xeito, a atención á diversidade, o barrio, a actividade cultural e social do barrio, as inquedanzas xuvenís ou a educación son algúns dos temas centrais de cada un dos programas radiofónicos que en formato podcast serán divulgados nas diferentes webs de referencia do proxecto.

Orixes
O proxecto de radio comunitaria iniciouse no mes de outubro 2017 e neste intre está na segunda fase de elaboración de contidos dos diferentes programas radiofónicos. No último trimestre escolar procederase ao inicio da gravación dos diferentes programas radiofónicos e a partir de aí poderase compartir os podcast co resultado final das inquedanzas e intereses dos diferentes colectivos e entidades participantes.

Compartir: