ACCIÓN CULTURAL

O Concello e a Asociación Cultural O Galo reivindican a escultura de Francisco Asorey nun roteiro guiado por Compostela

28/03/2019 O Concello de Santiago e a Asociación Cultural O Galo queren dar a coñecer e poñer en valor a pegada que o escultor Francisco Asorey deixou en Compostela. É por iso que ambas institucións colaboran no roteiro guiado que se vai desenvolver o próximo 5 de abril. A iniciativa foi presentada hoxe pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a secretaria da Asociación O Galo, Mercedes Espiño, e a tesoureira, Esperanza Delgado.

A concelleira de Acción Cultural explicou que a colaboración coa Asociación Cultural o Galo para desenvolver esta iniciativa "nace do convencemento de que Santiago ten que redescubrir a Francisco Asorey, un escultor que deixou unha fonda pegada en Compostela que pasa demasiado desapercibida para parte da veciñanza". Branca Novoneyra apostou por "reivindicar a obra de Asorey, un artista que está considerado como unha das figuras máis relevantes da escultura española do século XX e que demostrou esa condición en moitas das súas pezas que podemos ver na nosa cidade, como é o caso do Monumento a San Francisco".

"O mellor escultor galego despois do Mestre Mateo"
A secretaria da Asociación Cultural O Galo, Mercedes Espiño, afirmou que "Asorey é o mellor escultor galego despois do Mestre Mateo, cunha ampla produción artística que hai que redescubrir". Segundo explicou, estímase que Asorey puido ter realizado máis de 1.500 pezas, que están tanto en mans públicas como privadas. En Compostela temos ducias de obras de Asorey,

O roteiro do 5 de abril terá como punto de partida o IES Rosalía de Castro, ao carón do busto de José Ibáñez que se conserva no instituto. Despois, as persoas participantes coñecerán outras obras de Asorey como as placas a Bernardo Barreiro ou ao doutor Carracido, os bustos de Lino Torres e Ramón Aller do edificio do reitorado, ou o retrato da súa esposa que se garda no Pazo de Raxoi. Outras das paradas importantes será a Facultade de Medicina, onde traballou Asorey como escultor anatómico e onde se verán diferentes placas e os bustos de Roberto Novoa Santos ou Alejandro Rodríguez Cadarso. O roteiro inclúe ademais paradas na que foi a residencia da familia Asorey, no Campiño do Carme, nos seus obradoiros de Santa Clara e Caramoniña, ou no Panteón de Galegos Ilustres onde está soterrado. Tamén se poderán coñecer, no Museo do Pobo Galego, os bosquexos das súas obras e as ferramentas de Asorey alí conservadas.

O roteiro Asorey en Compostela vaise celebrar o 5 de abril, a partir das 17.00 horas. Hai 30 prazas dispoñibles para o roteiro e a inscrición debe facerse a través do e-mail comunicación@ogalo.gal.

Compartir: