MEDIO AMBIENTE

"Bravas fronte ao cambio climático", evento nesta edición do "Descarboniza! Que non é pouco..."

28/03/2019 As Fillas Bravas, personaxes creados pola compañía Chévere, serán as protagonistas do evento climático organizado este ano no marco do proxecto Descarboniza! Que non é pouco.... O espectáculo Bravas fronte ao cambio climático, que contará tamén coa participación do contacontos Celso F. Sanmartín, celebrarase no Teatro Principal o próximo 10 de abril. Os convites para asistir poderanse retirar a partir do día 2.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe o evento Bravas fronte ao cambio climático, acompañado por Miguel Pardellas, do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago. Xan Duro explicou que "esta actividade permite dar a coñecer mellor o programa e os seus contidos entre o conxunto da veciñanza". O edil salientou que o Descarboniza! Que non é pouco... é un programa "xa consolidado, con grupos moi activos en centros cívicos das parroquias e da zona rural, que xa supera o cento de participantes". O concelleiro mostrouse convencido de que "pequenos xestos nas vidas cotiás como os que aprenden ou lembran as persoas participantes neste programa, son fundamentais para afrontar o cambio climático e reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro".

Espectáculo de balde
As Fillas Bravas, son personaxes creados pola compañía Chévere, "tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai, e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo". Miguel Pardellas explicou que a súa participación no evento climático do Descarboniza! Que non é pouco... ten que ver co "papel destas mulleres como sustentadoras dunha memoria de baixa enerxía, dun pasado cheo de dificultades pero tamén de coñecementos tradicionais que poden ser moi útiles para afrontar os retos presentes e futuros do cambio climático". No espectáculo teatral presentarán a súa experiencia vital e compartirán as súas reflexións como fillas, netas e avoas de mulleres bravas.

Bravas fronte ao cambio climático tamén contará coa participación do poeta e contacontos de Celso F.Sanmartín que, tal e como explicou Pardellas, "axudará a recuperar a memoria das prácticas cotiás con baixa enerxía". Tamén participará un grupo de rapaces e rapazas do Centro Cívico de Conxo, que "participan nunha liña de traballo do proxecto Descarboniza que aposta polo intercambio interxeracional".

O espectáculo será o 10 de abril, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal. A entrada será de balde, pero é preciso retirar previamente a invitación. Os pases, dous por persoa, estarán dispoñibles a partir do 2 de abril na propia billeteira do Teatro Principal, de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 horas.

Descarboniza! Que non é pouco...
O programa Descarboniza! Que non é pouco... conta na actualidade con máis dun cento de participantes, a maioría delas mulleres maiores. Neste curso, as actividades desenvólvense nos centros cívicos da Rocha, Vite, Sar, Bornais, Santa Marta, Lavacolla e Busto, co obxectivo de "organizar e acompañar a grupos de persoas que estean dispostas a descarbonizar os seus estilos de vida e reducir así as emisións de gases de efecto invernadoiro". A principal novidade nesta edición do proxecto é que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago formou aos traballadores e traballadoras da rede de centros cívicos, para que se encarguen de dirixir as actividades de xeito directo.

Miguel Pardellas explicou que "tamén estamos reforzando os intercambios interxeracionais, con accións que se levarán a cabo nos próximos meses e que vai na liña no movemento estudantil que se ven orixinando a nivel internacional fronte ao cambio climático". As temáticas que contan cunha maior atención das persoas participantes son as relacionadas coa alimentación e a saúde, porque "nestes ámbitos é posible iniciar moitas accións concretas que reduzan as emisións contaminantes, relacionados coa fabricación de cosmética natural, uso de herbas medicinais ou cociña vexetariana".

Ademais, o proxecto Descarboniza! Que non é pouco... vén de chegar a Donostia, grazas a unha subvención de 44.000 euros da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Na cidade vasca, o proxecto ten un carácter exploratorio e estase iniciando con tres grupos de traballo, dous de memoria e un de mulleres.

Compartir: