IGUALDADE E EMPREGO

Aurélie Salvaire e outras tres mulleres achegarán a súa experiencia no encontro "Mulleres mudando a balanza"

27/02/2019 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, presentou hoxe o encontro "Mulleres mudando a balanza", encontro con empresarias e emprendedoras profesionais galegas, que contará coa presenza da activista e experta en xénero Aurélie Salvaire. Será o vindeiro mércores 6 de marzo, a partir das 19:00 horas, no Auditorio Abanca. A entrada é de balde ata completar aforo.

Tal e como indicou a concelleira, "trátase de visibilizar e poñer o foco en mulleres emprendedoras que se fixeron un oco en mundos masculinizados", de aí que participen a chef con Estrela Michelín Lucía Freitas, a deseñadora de moda Elena Ferro e a enxeñeira e doutora en informática Luz Castro.

Os obxectivos específicos da xornada pasan por intercambiar ideas, coñecemento e experiencias no referente á situación da muller na empresa, favorecer unha participación equilibrada de mulleres e homes na toma de decisións do de ámbito empresarial e económico, facilitar o desenvolvemento dunha carreira profesional de éxito, así como o acceso aos postos de alta responsabilidade e sensibilizar a participantes e empresas sobre a igualdade de xénero en xeral e o necesario equilibrio de xénero na toma de decisións. Esta xornada enmárcase no plan Talentia 2019-2021.

Aurélie Salvaire
Experta en diversidade e xénero, é directora do Observatorio de Análise de Xénero Shiftbalance de Barcelona, dende o que pretende amosar datos concretos e obxectivos, facendo un inciso na importancia da formación de directivos empresariais para conseguir un maior equilibrio de xénero. O proxecto quere analizar o impacto de mil millóns de mulleres nos negocios e a aceleración que iso supón para o crecemento económico.

Lucía Freitas
Esta compostelá conseguiu abrir o seu propio restaurante e, tras anos de duro traballo, en 2018 foi recoñecido cunha Estrela Michelín. "A súa seguridade e afouteza son os ingredientes que lle permitiron obter este galardón que, de seguro, tiña que ter conseguido moito antes", dixo a concelleira.
Lucía Freitas cursou os seus estudos de cociña en Bilbao, da man dos mellores cociñeiros do País Vasco e traballou tamén en Barcelona e Mallorca antes de volver a Santiago de Compostela.

Luz Castro
Esta muller emprendedora é enxeñeira informática, socia fundadora e directora do departamento multimedia da empresa tecnolóxica galega Imaxin Software. Tamén é unha recoñecida profesora universitaria da UDC e forma parte do Máster de Marketing Dixital da USC.

Elena Ferro
Emprendedora, perseverante e innovadora. Elena reinventou por completo os tradicionais zocos de madeira ata levalos ás principais pasarelas de París. Con esforzo, paixón e creatividade deseñou un calzado único que está a traspasar fronteiras.

Compartir: