TURISMO

Compostela promociónase en Alemaña e Bélxica

08/02/2019 As Cidades Patrimonio da Humanidade promocionan a oferta cultural e patrimonial dos seus 15 destinos na feira internacional de turismo Reisen Hamburg, que se celebra na cidade alemá de Hamburgo, e no Salon des Vacances de Bruxelas (Bélxica).

As dúas feiras, dirixidas a profesionais e a público final, celébranse ata o 10 de febreiro. A participación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade enmárcase dentro das accións de promoción previstas no Plan Operativo 2019, cunha nova campaña internacional para a captación de viaxeiros, que esta semana se centrou nos mercados europeos.

O mercado alemán
A feira de turismo alemá está destinada principalmente ao consumidor final e é a máis importante do sector turístico no norte de Alemaña, cunha participación media de 70.000 visitantes. Cabe destacar que, segundo o Instituto Alemán de Investigación Turística (FUR), España é o primeiro destino para viaxes longas dos alemáns no estranxeiro, cunha cota de mercado do 13,1%. Ademais, en 2017, o 77% da poboación de fala alemá realizou unha viaxe de longa duración (de cinco ou máis días).

As 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España apostan polo seu posicionamento neste mercado, tendo en conta que para o público xermánico a viaxe vacacional posúe unha valoración prioritaria de consumo -só a alimentación obtén un valor máis alto na súa escala de prioridades-, e catro de cada cinco turistas sinalan as vacacións como o momento máis importante do ano.

As Cidades Patrimonio dispoñen dun espazo propio dentro da caseta de Turespaña cuxa coordinación corre a cargo da OET de Berlín.

O mercado belga
O Salon des Vacances de Bruxelas é unha das feiras de turismo máis importantes de Europa e a principal feira do sector turístico en Bélxica. Dirixida especialmente ao consumidor final e con máis de 97.000 visitantes, convértese no escaparate ideal para presentar a riqueza patrimonial, turística e cultural das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade.

España é o terceiro destino das viaxes dos belgas ao estranxeiro, cun 11,2% de cota de mercado. No que se refire a viaxes de longa duración (máis de catro noites), España ocupa a segunda posición por detrás de Francia, cunha cota de mercado do 16,2%. As Cidades Patrimonio da Humanidade teñen un importante nicho de mercado entre os turistas belgas interesados en viaxes que combinan oferta cultural, natureza, gastronomía e compras.

As motivacións fundamentais do turista belga para elixir España como destino son o clima, as súas praias, a súa contorna e a súa natureza. Outros factores que tamén destacan son a gastronomía, a reputación do destino, o aloxamento confortable e as posibilidades de saír de compras. As principais actividades que realizaron os belgas en España en 2017 foron compras (63%), gozar da praia (60%) e visitas a cidades (57%).

O mercado británico
Desta forma culmina unha intensa semana de promoción do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade nos principais mercados emisores europeos. Os pasados días 5 e 6 de febreiro, o presidente do Grupo, Ángel Mariscal, alcalde de Cuenca, e os/as concelleiros/as da Comisión de Turismo da rede, participaron en diversos actos en Edimburgo para a promoción das 15 Cidades e para o intercambio de boas prácticas na xestión do Patrimonio Mundial. Entre os eventos destacados estivo a presentación da oferta cultural e turística das 15 cidades españolas ante unha vintena de operadores turísticos, axencias e medios especializados en viaxes da capital escocesa.

Plan Operativo de Turismo
Tras un 2018 moi positivo para as Cidades Patrimonio da Humanidade de España e marcado polas celebracións e actos conmemorativos especiais con motivo do 25 Aniversario da creación do Grupo, o Plan Operativo para 2019 continúa coa liña de promoción, representación e comercialización das 15 Cidades baixo o selo de calidade excepcional que outorga formar parte da lista de Patrimonio Mundial de UNESCO.

Ademais levar a cabo diversas presentacións directas en Moscú, Miami, México DF, Nova York, Boston e diversas cidades de China, ao longo do ano está previsto participar nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto nos principais mercados emerxentes como nos máis consolidados: dende Fitur (Madrid) a Salon des Vacances (Bruxelas), Reisen Hamburg (Hamburgo), Salon Mondial du Tourisme (Paris), WTM Latin America (Sao Paulo), ITB Berlín e WTM Londres, ademais de ITB Asia (Singapur), JATA (Xapón) e CITM (China), entre outras.

Compartir: