POLÍTICAS SOCIAIS

Os concellos Santiago e Ames presentan unha nova edición do programa Vives Emprega

06/02/2019 Esta mañá, o edificio Cersia acolleu a presentación dunha nova edición do programa Vives Emprega, na que estiveron presentes a concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Ames, Luísa Feijóo, e a responsable de oficinas de Acción Social contra a Fame en Galicia, Asturias, Castela-A Mancha e Madrid, Laia García. A finalidade desta iniciativa é facilitar a inclusión sociolaboral de persoas que atravesan unha situación de dificultade para acceder ao mercado laboral. O curso realizarase no Centro Cívico de Santa Marta.

Vives Emprega é un programa promovido por Acción contra a Fame, financiado polo Fondo Social Europeo e pola Fundación La Caixa e que conta coa colaboración dos Concellos de Ames e Santiago. Esta iniciativa busca promover a adquisición de habilidades sociais e competencias básicas para o emprego de persoas que están a atravesar unha situación de dificultade para acceder ao mercado laboral. Para iso, realízanse unha serie de talleres e actividades destinadas a fomentar o desenvolvemento persoal dos participantes, mediante o fortalecemento do seu descubrimento, a autoestima e a automotivación.

Ademais, ao longo deste semestre, buscarase aumentar o nivel de empregabilidade destas persoas partindo das súas capacidades, tanto actuais como potenciais, ao tempo que se definen os obxectivos persoais e profesionais de cada participante para, posteriormente, mobilizalos para conseguilos. Neste primeiro semestre do ano, participarán un total de 50 persoas, 25 de Ames e 25 de Santiago.

Dende a organización mobilizaranse os recursos e ferramentas dispoñibles no entorno para favorecer a igualdade de oportunidades dos colectivos en situación de risco social. Así, está especialmente dirixido a persoas paradas de larga duración, inmigrantes, vítimas de violencia, ex adictos, persoas en risco de exclusión social, menores de 25 anos que queiran acceder ao seu primeiro emprego e maiores de 45 anos.

O programa apoiase tanto en sesións grupais como en sesións individuais e personalizadas, así como contactos directos con empresas e a participación en eventos de emprego e talleres con responsables de recursos humanos de empresas colaboradoras, que axudan a incrementar as posibilidades laborais de inserción das persoas participantes.

Con respecto a esta nova edición, a concelleira Concha Fernández puxo a iniciativa como "exemplo de coordinación e colaboración entre institucións, entidades e persoas, cun proxecto no que traballan todas por un obxectivo". Ao mesmo tempo, desexou aos/ás asistentes "un curso cheo de aprendizaxe, experiencias e vivencias persoais que vos sirvan para tomar impulso e conseguir os vosos obxectivos", e destacou a "necesidade da sociedade de contar con cidadáns/ás formados/as e conscientes que nos enriquezan como comunidade".

Pola súa parte, a concelleira amesá de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, animou aos/ás participantes a que "aproveiten a oportunidade que se lles ofrece. Oxalá que todos e todas poidades atopar ese emprego que buscades, posto que estes coñecementos, ademais de quedar sempre aí, vanvos axudar nun futuro a esa mellora da vosa empregabilidade". Durante a presentación, a edila tamén quixo destacar que "este proxecto, ademais de innovador, é moi importante tanto polo obxectivo, que é mellorar a empregabilidade de colectivos con dificultades especiais para acceder ao emprego, como polo seu destino, posto que permite que estas persoas poidan seguir medrando e acadar esa autonomía que todos queremos".

Finalmente, Laia García quixo mostrar o seu agradecemento a todos os/as colaboradores/as do programa e darlle a benvida aos/ás participantes, adiantando que ao longo do curso "imos a retarvos constantemente, porque o noso máximo obxectivo é sacar o mellor que tedes de vós mesmos e sacar a vosa forza, baseando a nosa metodoloxía no que buscan as empresas na actualidade".

Durante a presentación, varios/as participantes de anteriores edicións falaron sobre o que supuxo para eles/as o seu paso por este programa.

Vives Emprega dende a súa orixe
O programa Vives Emprega botou a andar en abril de 2014, e dende entón máis de 4.800 persoas desempregadas participaron nas 77 edicións realizadas. Nestes case cinco anos de percorrido, o 52% dos participantes encontraron emprego despois de participar no programa, mentres que o 29% decidiu retomar os seus estudos co obxectivo de mellorar a súa formación e, por conseguinte, a súa empregabilidade.

En Galicia, esta iniciativa comezou no ano 2016 e formou a máis de 463 persoas, cunha porcentaxe de inserción do 66%. O 46% dos participantes atoparon traballo, mentres que o 20% corresponde a inserción formativa, posto que cursaron algunha formación encamiñada á mellora das súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

Acción contra a Fame
Acción contra a Fame é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame. Salvan a vida de nenos e nenas desnutridos. Garanten ás familias acceso a auga segura, alimentos, formación e coidados básicos de saúde. Tamén traballan para liberar a nenos, mulleres e homes de ameázaa da fame. En España traballan contra o desemprego e pola inclusión sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo.

Compartir: