ALCALDÍA

Compostela acolle o II Congreso Mundial de Educación "EDUCA 2019"

06/02/2019 Santiago será escenario, dos días 21 a 23 de febreiro, do II Congreso Mundial de Educación "EDUCA 2019, que organizan a plataforma Mundo Educa e a asociación de Mestres Innovadores e Alumnos Competentes, MIAC; en colaboración coas tres universidades galegas. A tenenta de alcalde, María Rozas, presentou hoxe o evento, que reunirá na Cidade da Cultura a expertos/as chegados/as de toda España e de países como Inglaterra, Estados Unidos ou Arxentina.

Na presentación do II Congreso Mundial de Educación María Rozas estivo acompañada polo director xeral do Comité Organizador, Víctor Arufe, quen tamén é profesor da Universidade da Coruña; e polos membros do comité e profesores das universidades de Santiago e Vigo, Geno Rodríguez e Maite Abelleira, respectivamente. Ademais, na rolda de prensa interveu tamén Eva Nieto, directora dos premios EDUCA ao Mellor Docente de España.

A tenenta de alcalde explicou que "Santiago toma o relevo da Coruña como cidade de acollida do Congreso, que pretende ser un foro de intercambio de coñecementos entre profesorado e alumnado de todas as etapas educativas". Nesa liña, María Rozas puxo en valor que o encontro "atenda fundamentalmente á innovación nas diferentes materias educativas, dende as matemáticas á música pasando pola economía ou a educación física". Tamén recoñeceu o esforzo dos propios docentes, que "son eles mesmos os que organizan o Congreso, porque son os máis interesados en mellorar a atención educativa".

Conferencias e comunicacións
O director xeral do Comité Organizador explicou que "aínda que esta é só a segunda edición, este Congreso está xa posicionado no top ten dos congresos nesta materia". Víctor Arufe explicou que está confirmada a participación de máis de 800 inscritos, de toda España, pero tamén doutros moitos países como Brasil, Canadá ou Estados Unidos.

No Congreso que se vai celebrar na Cidade da Cultura escoitaranse numerosas conferencias a cargo de expertos e expertas de institucións educativas de toda España e de países como Inglaterra, Estados Unidos ou Arxentina. Haberá un total de trinta conferencias, entre as que Víctor Arufe salientou a da profesora Andria Zafirakou, "gañadora dos Global Teacher 2018, que traballa con rapaces dun barrio conflitivo de Londres".

Presentaranse tamén ata 150 traballos de investigación nas áreas de Educación Infantil, Educación Física, Musical e Artística; Idiomas, Ciencias Sociais e Humanidades e mesmo Dirección e Xestión de Centros. O representante do comité organizador explicou que tamén se abordarán "cuestións que lle afectan a nenos e nenas e adolescentes como o acoso escolar, o fenómeno dos botellóns ou a atención a alumnado con altas capacidades".

O progresa complétase con actividades paralelas como charlas, cafés ou a presentación dun libro que recolle 50 experiencias de éxito na educación.

Premio EDUCA ao Mellor docente
Ao abeiro do II Congreso Mundial de Educación entregaranse os Premios EDUCA Abanca ao mellor docente do ano. O obxectivo é recoñecer aos profesores e profesoras que destaquen pola súa boa práctica e a súa dedicación á profesión en cinco categorías: educación infantil, primaria, secundaria/bacharelato, formación profesional e universidade.

Os/as candidatos/as son propostas do propio alumnado ou das familias, no caso do ensino infantil e primaria. A convocatoria está aberta non só a centros de ensino, senón tamén a docentes que traballen no ámbito da educación especial, centros penitenciarios ou hospitais. Os gañadores recibirán un trofeo e un premio de mil euros en metálico.

Os premios entregaranse nunha gala na sede da Fundación Abanca.

Direcciones relacionadas



Compartir: