ALCALDÍA E TURISMO

Vueling basea o seu segundo avión en Compostela e incrementa frecuencias con Barcelona

06/02/2019 O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu hoxe a presentación das rutas de Vueling para o ano 2019, que inclúe o crecemento da súa base no aeroporto de Santiago coa incorporación dun segundo avión. Na presentación estiveron o alcalde e a concelleira de Turismo, Martiño Noriega e Marta Lois; así como o director de rutas de Vueling, Manuel Ambriz, e o director do aeroporto compostelán, Ricardo López.

A nova aeronave, do modelo Airbus A320 e con capacidade para 180 persoas, aterrará na capital galega o vindeiro 22 de xuño, dez anos despois de que a compañía comezara as súas operacións en Compostela coa ruta directa a Barcelona e catro anos despois da decisión de basear un primeiro avión na nosa cidade. Desta maneira, Vueling aumenta a súa presenza en Santiago, cunha operativa de 12 rutas directas, tanto estatais como internacionais, a Alacante, Ámsterdam, Barcelona, Bruxelas, Fuerteventura, Lanzarote, Málaga, Mallorca, París (Charles de Gaulle), Roma (Fiumicino), Tenerife (Norte) e Zúrich.

Entre as novidades, cabe destacar a terceira frecuencia diaria a Barcelona, así como unha frecuencia semanal adicional en Tenerife. Coa incorporación da nova frecuencia diaria a Barcelona, onde Vueling permite os voos con conexión á súa ampla rede de destinos en Europa, mellórase tamén a conectividade internacional da cidade. En total, Vueling ofrecerá máis de 512.748 asentos en Santiago entre os meses de marzo e outubro, o que supón un crecemento dun 7% en capacidade de asentos, en comparación coa mesma tempada do ano anterior.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou "o traballo conxunto que levan desenvolvendo o Concello de Santiago e Vueling para consolidar á compañía no aeroporto". O alcalde incidiu en que "o segundo avión de Vueling permitirá que incremente substancialmente a súa oferta de prazas este mesmo ano, en especial na súa ruta a Barcelona, unha conexión fundamental para o futuro do aeroporto".

En palabras de Manuel Ambriz, "o obxectivo de Vueling é seguir crecendo en Galicia e manter o noso liderado. Estamos seguros de que este novo avión en Santiago de Compostela axudaranos a robustecer o noso programa de rutas dende a capital galega e que nun futuro permitiranos incrementalas". Pola súa banda Ricardo López, director do Aeroporto de Santiago, engadiu que "o traballo que realiza o Aeroporto de Santiago, para mellorar os seus procesos e facelos máis eficientes para as aerolíneas e os pasaxeiros, vese apoiado por esta nova aposta de Vueling, que decidiu basear un novo avión nas nosas instalacións".

Programa para este verán
Vueling ofrecerá na temporada de verán 12 destinos directos, entre os que destacan Barcelona (con 22 frecuencias semanais e 6 novas frecuencias) e Tenerife Norte (con 3 frecuencias semanais, unha nova). Málaga, Palma e París (Charles de Gaulle) contarán con 4 frecuencias semanais; Ámsterdam, Alacante, Bruxelas, Fuerteventura, Roma e Zúrich terán 2 frecuencias semanais e Lanzarote unha conexión semanal.

O programa completo de rutas porase á venda ao longo do día de hoxe e todas as súas rutas estarán dispoñibles a través de todas as canles de venda de Vueling.

Compartir: