ALCALDÍA

Compostela e Santiago de Querétaro buscan novas liñas de cooperación

31/01/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu a unha delegación de Santiago de Querétaro, cidade mexicana irmandada con Santiago de Compostela.

A delegación presente en Raxoi estaba composta polo secretario de Desarrollo Sustentable, Ricardo Alegre Bojórquez, e polo director económico de Desarrollo Sustentable, Martín Romo Villegas. Na xuntanza falaron con Sánchez Bugallo dos vínculos que unen ás dúas cidades, ámbalas Patrimonio da Humanidade, e de establecer novas liñas de colaboración. En particular, a delegación mexicana amosou o seu interese en áreas coma o urbanismo, os servizos sociais e a promoción económica.

A reunión tamén serviu como preparación da visitar que realizará a Santiago o alcalde de Querétaro, Manuel González Valle, nunha data aínda por determinar.

Santiago de Querétaro é a capital do estado mexicano de Querétaro de Arteaga. A cidade foi fundada o 25 de xullo de 1531, día do Apóstolo Santiago. O seu nome colonial orixinal foi Santiago de Querétaro, aínda que trala independencia de México quedou en simplemente Querétaro. Pero despois do seu nomeamento, en 1996, como Patrimonio Cultural da Humanidade, recuperouse o nome orixinal.

Compartir: