EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Comeza o "Círculo Literario" con Suso de Toro no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes

31/01/2019 Esta tarde, a partir das 16:30 horas, comezará a primeira sesión da actividade Círculo Literario, impartida polo escritor compostelán Suso de Toro. A acción, desenvolvida polo Departamento de Educación e Cidadanía, terá lugar no Centro Educativo e de Lecer María Miramontes.

Trátase dun programa municipal inédito, que se suma a outras accións que fan de Compostela unha cidade literaria. Nesta ocasión está dirixida a alumnos e alumnas de 4° da ESO e de 1° de Bacharelato dos institutos da cidade cunha inicial ou xa definida vocación literaria, co obxectivo de consolidar esa perspectiva.

Esta acción, que é de balde, desenvolverase cun máximo de 20 alumnos e alumnas dos institutos de Pontepedriña, Xelmírez II, Xelmírez I, Rosalía de Castro, Lamas de Abade e Antonio Fraguas. As sesións serán todos os xoves de 16:30 a 18:30 h ata o mes de maio. En palabras de Suso de Toro, "a intención desta actividade é conservar e actualizar a vocación literaria que ten a nosa cidade, transmitíndolla ás novas xeracións" para engadir que "o que buscamos é axudar ás persoas que teñen vocación literaria para que poidan ter a oportunidade como a que tiven eu; esta cidade deume mestres que me axudaron a configurar a miña vocación de escritor".

Compartir: