ACCIÓN CULTURAL

Voadora estrea no Principal "Hemos venido a darlo todo"

30/01/2019 Continuando coa programación de artes escénicas 2019, a compañía Voadora estrea no Teatro Principal de Hemos venido a darlo todo. Dirixida por Marta Pazos e con dramaturxia de Fernando Epelde, esta representación é o manifesto, o manual e o pacto coa experiencia escénica de Voadora, dende o brillo de todos os seus elementos: o movemento, a música e as imaxes. Haberá funcións o xoves 31 (estrea), o venres 1 e o sábado 2, ás 20:30 horas.

En palabras da compañía, Hemos venido a darlo todo é "Un compromiso co teatro que se sinte, máis que co que se pensa, para o que precisamos de todos os vatios, todo o talento e toda a imaxinación do mundo. Queremos asinar co aquí e o agora, co inesquecible e con todas esas cousas que o espectador non pode atopar en ningún sitio mais que nunha sala de teatro."

As entradas, a un prezo de 12 € (descontos habituais do 50%), poden adquirirse no espacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. Os días que hai evento no Teatro, a venda anticipada remata ás 20:00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día.

Club C!
O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais composteláns. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais. En relación con Hemos venido a darlo todo, o Club C! ofrece unha #posfuncion e un #obradoiro.

Así, ao remate da función de venres 1 de febreiro, e unha vez que cae o pano, a convidada Anna R. Figueiredo e os elencos artísticos conversarán co público asistente. Anna R. Figueiredo (Ourense, 1979) é profesora de física e tecnoloxía no ensino secundario. Ten recibido premios no eido literario e coloborou en banda deseñada. Os bicos feridos (Premio Viadutos de Novela 2018) é a súa primeira novela.

Por outra parte, Manifesto Voadora e o título dun obradoiro de linguaxe escénica a través do movemento, a imaxe e a música que será impartido por Voadora o sábado 2 de febreiro, de 11:00 a 14:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. As prazas están esgotadas.

Compartir: