ALCALDÍA

Fairway presenta a súa edición máis internacional

30/01/2019 Empresas e institucións de quince países de catro continentes participarán na terceira edición de Fairway, a máis internacional das celebradas ata agora. Así se puxo de manifesto na presentación do evento, que se celebrará do 10 ao 12 de febreiro no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Está previsto que neses dous días se celebren máis de 16.000 reunións de traballo.

A III edición do Fairway Fórum Camiño de Santiago foi presentada hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; Charo Calvo, en representación de Correos, e os tres codirectores do evento: Ana García, de Trevisani; Manuel Oreiro, de Viajes Viloria; e Tono Mugico, de Mr. Turismo.

Na súa intervención, o alcalde felicitou aos organizadores "por facer esta aposta e por esforzarse para innovar en cada edición do Fairway". Martiño Noriega salientou a dimensión económica que está adquirindo o Camiño de Santiago, "un elemento ao redor do que están a xurdir moitos proxectos que se traducen en beneficios económicos para os lugares polos que transcorren as rutas xacobeas".

Os organizadores de Fairway incidiron en que a feira "será máis que nunca o punto de encontro de todas as persoas e institucións vinculadas ao Camiño de Santiago". Nesa liña, a directora de Trevisani, Ana García, explicou que no evento "haberá máis dun cento de expositores, un 20% máis que na pasada edición, e contaremos coa participación de máis de 50 concellos galegos e seis comunidades autónomas". No ámbito internacional, "en Fairway estarán trece cámaras municipais portuguesas e destaca tamén a participación do Camiño Kumano Kodo, a través da prefectura de Wakayama, ou a ruta de peregrinación de San Francisco de Asís".

Encontros de traballo
O III Fairway Fórum Camiño de Santiago volve apostar polo workshop como formato para facilitar os encontros de traballo entre os "Hosted Buyers" e os profesionais, empresas e organismos públicos vinculados a calquera dos Camiños de Santiago interesados en darlles a coñecer os seus produtos, destinos e servizo. Manuel Oreiro, de Viajes Viloria, explicou que os "Hosted Buyers" son "touroperadores, axencias de viaxes, centrais de reservas e axencias on-line invitados polos organizadores do Fairway para participar nos encontros de traballo e crear oportunidades de negocio". Na feira daranse cita 35 "Hosted Buyers", con empresas de países como Reino Unido, Canadá, Brasil, Italia ou Portugal, que xa participaron en anteriores edicións, "ás que sumarán por primeira vez empresas de Sudáfrica, Australia, Francia, Bélxica ou México". Os seus interlocutores serán máis de 120 organismos, tanto públicos como privados, entre os que se atopan establecementos de hostalería, axencias de viaxes, servizos de guías e excursións, adegas, empresas de transporte de persoas ou mochilas, e organismos públicos e destinos turísticos. En total, segundo Manuel Oreiro, "están previstas máis de 16.000 reunións de traballo nos dous días de workshop do Fairway, un 35% máis que na anterior edición".

O representante de Viaxes Viloria apuntou que "moitos dos touroperadores inscritos no workshop participarán tamén en tres viaxes de familiarización para a prensa, coas que Fairway pretende visibilizar as rutas xacobeas menos concorridas". Nesta ocasión, promocionaranse o Camiño Portugués pola costa, o Camiño do Norte e o Camiño de Fisterra-Muxía. Nestas viaxes de familiarización participarán medios como Traveller 24, de Sudáfrica; Super Radio, de Brasil; National Geographic, Marie Claire ou a revista Viajar.

Fairway Invest e outras actividades
A vertente de negocios do Fairway verase reforzada nesta edición cun foro de investimentos, na última xornada do encontro. O director de Mr. Turismo explicou que este apartado desenvolverase en colaboración con Keiretsu Forum, a maior rede privada de investidores do mundo, e contará cun programa de formación e con mesas de financiamento con entidades como Enisa ou Xes Galicia. Tono Mugico subliñou que o Fairway Invest "fai unha clara aposta polo emprendemento, cun concurso de ideas ao que se teñen presentado case unha vintena de proxectos vinculados directamente ao Camiño ou a empresas localizadas ao longo da ruta, e que abordan ámbitos moi diferentes, dende as obras sociais ata a reciclaxe de roupa". O gañador do concurso, que recibirá un premio de 5.000 euros, coñecerase o 12 de febreiro no transcurso do Fairway.

En canto ao congreso, Mugico explicou que "constará de conferencias e mesas de debate, con ponentes de relevancia, ás que este ano se engade un ciclo formativo sobre marketing dixital e reputación online, que se desenvolverá na xornada do 11 de febreiro e que terá un carácter eminentemente práctico".

Por último, o responsable de Mr.Turismo fixo un chamamento á participación de veciñanza e visitantes nas actividades previstas na xornada de portas abertas coa que se iniciará o Fairway o 10 de febreiro. Entre elas, Tono Mugico salientou o I Camiño, para descubrir os lugares menos coñecidos de Compostela; ou o Gastroway, un bufet cunha selección de receitas das rutas xacobeas. Tamén haberá sesións de escape room, obradoiros de mindfulness, un taller de cociña infantil co chef Alberto Lareo, ludoteca, ou un concerto de Susana Seivane. As actividades serán gratuítas.

Compartir: