ALCALDÍA

A banda californiana Eels actuará por primeira vez en Galicia o vindeiro 8 de setembro no Auditorio

29/01/2019 Eels regresarán en vivo a España en 2019, e Santiago de Compostela será unha das dúas únicas cidades do Estado, xunto con Barcelona, nas que se poderá ver a banda californiana liderada polo excéntrico Mark Oliver Everett. A cita é o 8 de setembro no Auditorio de Galicia. As entradas para este concerto, que será o primeiro de Eels en Galicia, poranse á venda a partir das 10:00 horas do xoves 31 de xaneiro en Ataquilla.com, a un prezo de 24 € + gastos.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, foi o encargado de presentar este "concerto dunha banda de prestixio a nivel internacional". Segundo explicou, a celebración deste evento ten colaboración municipal, "relacionada tamén co noso interese por reactivar a axenda musical de Santiago, como vimos facendo tamén co Multiúsos".

Martiño Noriega destacou a traxectoria de Eels, plasmada en doce álbums de estudio e o "liderado particular de Mister E", coñecido tamén por algún éxito editorial como Cousas que os netos deberían saber. Sobre o concerto de Santiago, salientou o seu formato exclusivo para salas medias e que a nosa cidade sexa unha das únicas dúas citas no Estado da súa xira en 2019.

Xunto ao alcalde, participou na presentación Raquel Seijo, directora da produtora Sweet Nocturna, quen agradeceu ao Concello o seu apoio para traer este concerto a Compostela. "Este tipo de concertos é moi difícil de traer, porque son formatos custosos", indicou, destacando tamén a "gran expectación" xerada dende o anuncio do evento, con "máis de 7.000 interaccións directas con Sweet Nocturna dende onte". Por iso, amosouse confiada en que "as entradas se esgotarán rapidamente".

Eels
O californianos Eels presentarán o material incluído en The Deconstruction, traballo editado en abril de 2018. Acompañarán estas cancións algúns dos grandes éxitos incluídos na súa rica discografía.

Os discos de Eels son un manual de instrucións optativo para afrontar a vida. Tal como foi certificando coa súa discografía, E —alias de Mark Oliver Everett— posúe unha voz cualificada para iso. Pero sobre todo, foi o libro Cosas que os netos deberían saber (2008), onde falaba sen andrómenas da perda gradual dos membros da súa familia, o que lle conferiu esa autoridade.

Bicho raro nunha industria que o repudiou por negarse a facer diñeiro fácil, preferiu que a súa música fose o filtro do seu forcexeo coa adversidade. O seu duodécimo álbum como Eels termina con "In our cathedral", invocando un estado mental que nos axude a valorar como de cheo está o vaso cando os nuboeiros se cernen sobre nós. Despois de catro anos de silencio, E déixanos as súas reflexións cun recordatorio: a nosa existencia é fugaz e caprichosa, pero iso mesmo é tamén o que lle confire sentido. A maxia e a perda ás que no seu día cantou Lou Reed.

Eels é unha banda americana de rock formada en 1995 en California polo compositor, multiinstrumentista e cantante Mark Oliver Everett, coñecido sobre o escenario como E/Mr. E. Os membros da banda foron cambiando ao longo dos anos, tanto no estudo como nos escenarios, facendo de Mark Oliver Everett (aka Mr.E/E) o único membro oficial da mesma. Por algo se di que Eels é o proxecto máis persoal e personalista de Mark Oliver Everett, que xa dende ben pequeno decantouse pola música, inspirado pola súa irmá maior, que tocaba o piano.

A música de Eels xira ao redor de temas como a morte, a familia e os amores perdidos. Dende 1996, Eels sacaron doce álbums de estudo, sete dos cales entraron na lista Billboard 200.

Compartir: