ESPAZOS CIDADÁNS

A protección da paisaxe, clave no Plan Especial Director do Camiño Francés remitido á Xunta para a súa avaliación ambiental

29/01/2019 O Concello vén de remitir á Xunta de Galicia, para a súa avaliación ambiental, o Plan Especial Director do Camiño Francés, elaborado en colaboración co Consorcio de Santiago. O documento "supón un salto cara adiante na maneira de mirar o planeamento, centrándose na súa compoñente paisaxística que é unha parte fundamental do Camiño de Santiago e do seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade". Explicábao o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, que presentou o Plan nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola xerenta do Consorcio, Belén Hernández, e pola directora da oficina técnica do organismo, a arquitecta Lourdes Pérez.

O Plan Especial Director do Camiño Francés foi elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio, por encargo do Concello de Santiago. O documento ten como obxectivo "establecer as medidas necesarias para garantir a protección e recuperación do patrimonio que deba protexerse nos ámbitos do Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Monte do Gozo e a primeira liña de parcelas edificadas ao pé do Camiño". A xerenta do Consorcio incidiu tamén en que "o novidoso do documento é a súa compoñente paisaxística e ambiental, algo que se está a aplicar en toda Europa e no que en Galicia deberamos ser máis rigorosos porque temos unha paisaxe excepcional". Belén Hernández tamén mostrou a satisfacción do Consorcio por "colaborar con todas as administracións consorciadas, neste caso cun traballo de excepcional categoría técnica e que tería un prezo de licitación duns 350.000 euros que deste xeito o Concello puido dedicar a outros fins".

Traballo de diagnose
A arquitecta do Consorcio explicou que "a elaboración do documento partiu da diagnose da situación do ámbito, tendo en conta información histórica, a caracterización da paisaxe ou a análise dos trazados do Camiño". A partir dese estudo, definíronse os elementos estratéxicos a ter en conta no Plan Especial Director: os elementos de valor ecolóxico, as diferentes escenas paisaxísticas, o Camiño de Santiago, os elementos de valor patrimonial, os asentamentos de poboación e as súas dotacións e infraestruturas e o sistema agroforestal. O documento define os obxectivos a conseguir para cada un deses elementos estratéxicos.

No relativo aos elementos de valor ecolóxico, os obxectivos do Plan Especial Director do Camiño Francés son evitar a perda de biodiversidade e a posta en valor dos recursos, favorecendo a interacción coas persoas. En canto ás escenas paisaxísticas, o documento persegue preservar as composicións visuais características do ámbito, mellorar as deficiencias das paisaxes urbanas e periurbanas, recuperar as composicións visuais históricas, e conseguir unha mellora visual do Camiño. O Plan Especial apunta tamén á necesidade de recuperar e acondicionar o Camiño de Santiago, avoga por protexer e recuperar o patrimonio intanxible e construído, e demanda a revitalización dos núcleos de poboación, mellorando a súa calidade estética e ambiental e favorecendo o equilibrio entre poboación e equipamentos e servizos. Por último, en canto ao sistema agroforestal, o documento ten como obxectivos poñer en valor a paisaxe agraria e contribuír á sustentabilidade do modelo produtivo.

Ordenación e protección da paisaxe
Lourdes Pérez afondou na descrición das catro Áreas de Protección que representan os elementos con maior singularidade do ámbito, tal e como se recolle no Plan Especial. Trátase da Área de Protección dos Valores Ecolóxicos (áreas de interese ambiental e formacións vexetais), a Área de Protección dos Fondos Escénicos (partes do territorio que presentan fraxilidade visual), a Área de Protección do Camiño (elementos con valores ecolóxicos, culturais e visuais máis directamente vinculados á ruta xacobea) e a Área de Protección dos Valores Patrimoniais Culturais (elementos de patrimonio cultural sometidos a unha protección individualizada polos seus valores específicos).

O Plan Especial Director do Camiño Francés define, ademais, dúas áreas de ordenación que se analizan de maneira máis detallada pola necesidade de dar resposta á regulación de determinados ámbitos en solo urbano e rural. Esas dúas áreas son a de Asentamentos, Dotacións e Infraestruturas, para a que se aposta pola definición de novas ordenanzas para os ámbitos de solos de núcleo rural e os urbanos que se atopan en lugares de transición ao rural; e do Sistema Agroforestal.

Catálogo pormenorizado e programa de actuación
Durante a elaboración do Plan Especial Director do Camiño Francés, realizouse un traballo pormenorizado de análise e identificación dos elementos de interese patrimonial de tipo etnográfico, industrial, construído, arqueolóxico e natural, recollidos nun pormenorizado catálogo no que aparecen Áreas de Interese Ambiental, xacementos arqueolóxico, vestixios históricos do Camiño, arquitectura relixiosa, vivendas labregas e construcións adxuntas como muíños ou pombais.

En canto ao programa de actuacións, no documento defínense actuacións globais, que son aquelas que lle afectan ao conxunto do ámbito ou a varios emprazamentos e que teñen un carácter máis estratéxico, e as actuacións integrais que inclúen diferentes tipos de accións sobre unha mesma contorna. Preguntada por como afectará máis directamente á poboación o Plan Especial, Lourdes Pérez explicou que "un dos obxectivos é crear conciencia, conseguir que as persoas que habitan este ámbito sexan conscientes do valor dos elementos que as rodean desde as súas propias vivendas aos elementos etnográficos e a propia paisaxe". A arquitecta do Consorcio incidiu en que "a protección recollida no documento non impedirá que se constrúa nas parcelas nas que está permitido, que se rehabiliten vivendas ou que se amplíen. O Plan Especial só establece as pautas para facelo sendo respectuosos co valor destes elementos, incluídos fornos, lareiras, muíños, ou vivendas típicas do agro coruñés".

Compartir: