XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de rexeneración da rúa de García Lorca

25/01/2019 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto técnico da fase I da mellora das infraestruturas do barrio de Vite, que lle afecta á rúa de García Lorca. Na actuación investiranse case 600.000 euros e o prazo de execución será de tres meses.

A tenenta de alcalde, María Rozas, foi a encargada de dar conta hoxe dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe. Segundo explicou, o proxecto aprobado hoxe "é o primeiro paso dentro dun programa máis ambicioso para a reparación xeneralizada de pavimentos e espazos peonís do barrio de Vite, que incluirá melloras noutras rúas como Carlos Maside, Guadalupe, Celso Emilio Ferreiro e Irmandiños". Nesta primeira fase, abordarase a rexeneración da rúa de García Lorca, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e renovar as súas instalacións. Así, o proxecto permitirá "eliminar os obstáculos que dificulten os percorridos peonís, acondicionar ramplas para salvar os desniveis existentes, darlle solucións de continuidade ás beirarrúas na zona contigua á rúa de Celso Emilio Ferreiro e renovar os firmes e pavimentos en mal estado".

Parque infantil en Bando
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou o proxecto do parque infantil de Coto dos Olmos, na parroquia de Bando, unha actuación vinculada ao proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide. O parque vaise instalar na parcela que xa alberga o centro sociocultural do Bando, e contará con randeeiras, xogos de trepar e unha instalación multixogo. O investimento previsto é de case 60.000 euros, e o prazo de execución de tres meses.

Orzamentos participativos de Mocidade
Relacionado co programa Compostela Decide, na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou a programación que a Concellaría de Mocidade desenvolve con cargo aos Orzamentos Participativos. Trátase de actividades gratuítas para mozas e mozos de entre 14 e 30 anos, ás que se destinarán 100.000 euros. Entre as propostas, mantéñense algunhas que xa se veñen desenvolvendo con moi boa acollida, como as aulas de autodefensa para mulleres, o Hortaliza-TE ou o Boas Noites. Tamén haberá actividades con cans ou formación de consumo responsable en colexios, institutos e asociacións veciñais.

Plan Especial do Camiño Francés
Por último, o Goberno acordou hoxe remitir á Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta a solicitude para o inicio do procedemento de avaliación ambiental do Plan Especial do Camiño Francés. O obxectivo do documento é establecer as medidas necesarias para garantir a conservación e recuperación dos bens a protexer, elaborar un documento normativo que xestione as actuacións neste ámbito e elaborar un programa de actuación para a mellora e posta en valor dos elementos estratéxicos do ámbito do Camiño.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: