CULTURA

"Tartufo", de Molière, no Principal

31/01/2007 Teatro de Ningures trae ao Teatro Principal todo un clásico, o "Tartufo" de Moliére. O espectador poderá recuperar esta comedia en cinco actos, que resiste o paso do tempo, coa que o dramaturgo francés fixo unha implacable crítica á hipocresía da sociedade da época.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e os actores Salvador del Río e Pepa Barreiro, presentaron as representacións, que terán lugar o xoves 1 e o venres 2 de febreiro. Son xa unha 50 representacións as que ten realizado Teatro de Ningures desta obra, dende a súa estrea en 2005

"Tartufo" é unha das comedias máis representativas de Molière. Nela, o protagonista utiliza a súa apariencia externa de piedade para introducirse nun apacible fogar burgués e gañarse a confianza do beato cabeza de familia. Tartufo maquinará entón para colmar a súa ambición, envolvendo a toda a familia nunha trama de enredos e enganos.

A trama argumental é só unha pauta externa para sustentar o auténtico fondo da peza: un espello que se reflicte unha sociedade coas súas contradicións e unha natureza humana plagada de defectos e debilidades. E ver esta natureza reflectida enriba do escenario é o mecanismo que leva á risa. "A risa é algo transgresor, ademais de ser necesaria e sa", engadiu ao respecto Pepa Barreiro.

"Tartufo" é unha das obras que actualmente representa Teatro de Ningures, que tamén ten en cartel "Misericordia", de Pérez Galdós, e "Emigrados". Son xa máis de 20 anos de traxectoria desta compañía, unha das máis estables de Galicia e unha referencia no seu panorama teatral.

Compartir: