MOCIDADE

O proxecto "Que fai un creador no meu barrio?" chega no mes de marzo ao Centro Xove da Almáciga

26/12/2018 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, deu conta esta mañá dunha nova actividade que se desenvolverá no mes de marzo no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Trátase do proxecto Que fai un creador no meu barrio?, que achegará o traballo creativo do estudo de deseño Cenlitrosmetroscadrado. Na rolda estivo acompañada da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a responsable de DARDO, Mónica Maneiro, e Ricardo Tubío, deseñador industrial de Cenlitrosmetrocadrado.

Que fai un creador no meu barrio? é un proxecto de carácter artístico e creativo que reivindica o papel dos creadores na contorna social e veciñal dos barrios. Fronte á visión idealizada dos creadores como seres illados nun universo de fantasía, esta iniciativa propón unha revisión destas ideas, cuestionando conceptos como a autoría ou a inspiración. A acción está producida por DARDO.

O proxecto, desenvolvido co financiamento da Área de Cultura da Deputación da Coruña e co apoio das concellarías de Mocidade e de Acción Cultural, entra na súa primeira fase de desenvolvemento abrindo o período de inscrición para participar nas actividades propostas no Centro Xove da Almáciga. Esta acción desenvolverase tamén na cidade de Ferrol, con propostas de proxectos para o Centro Cívico do barrio de Caranza.

Que fai un creador no meu barrio? quere traballar con pequenos grupos de persoas e entre todas e todos pensar outros espazos posibles, outros aspectos, dos lugares de tránsito e uso cotián. A actividade proposta baixo o título Kit de autoxestión veciñal abre agora o seu período de inscrición e realizarase no Centro Xove da Almáciga os días 11, 12, 13 e 20 e 21 de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas. A actividade é gratuíta e está aberta a todos os maiores de 16 anos por rigorosa orde de inscrición a través da páxina web do proxecto: quefaiuncreador.dardo.gal/compostela.

A reflexión centrarase na contorna do parque da Almáciga en Compostela, que a mediados dos anos noventa se creou como espazo de lecer para as zonas residenciais adxacentes xurdidas no lugar de antigos camiños forestais, como é o caso das rúas Touro, Arzúa, Betanzos ou Teo. A proximidade do parque representa hoxe en día unha oportunidade de relación veciñal e, por este motivo, os inscritos e inscritas no taller participarán no deseño e construción dun Kit de autoxestión veciñal, un soporte elemental para certas accións comunitarias como reunións asemblearias, merendas veciñais, pequenas actuacións musicais ou teatrais ou actividades deportivas e de lecer.

Unha vez finalizado o período de actividades nos dous concellos, celebrarase unha exposición que recollerá a documentación das accións realizadas durante as xornadas nas dúas cidades da provincia da Coruña.

Compartir: