XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de reparación do muro da rúa de París (Fontiñas)

21/12/2018 A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto de reparación do muro de contención situado entre as rúas de París e de Luxemburgo, no barrio de Fontiñas, que tivo que ser apontoado por risco de desplome. As obras custarán preto de 325.000 euros.

O muro de contención situado entre as rúas de París e de Luxembugo atópase parcialmente curvado e foi apontoado para evitar o risco de desplome. Segundo os informes técnicos, o muro tende a desprazarse polo empuxe hidrostático da auga que se filtra no seu extradorso ou polo empuxe das raíces das árbores. Ademais, detectáronse problemas na recollida de pluviais na área. A reparación do muro, que inclúe a mellora da drenaxe a da recolleita de pluviais da explanada superior, custará preto de 325.000 euros e requirirá un prazo de execución de catro meses.

Cuberta do parque infantil
Ademais, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse outra importante actuación no barrio de Fontiñas: o proxecto de instalación da cuberta portante para a área de xogo infantil situada na confluencia das rúas de Berna e de Dublín. Trátase dunha actuación que fora seleccionada no proceso de Orzamento Participativos Compostela Decide e que procura que o parque infantil poida ser utilizado en días de condicións climatolóxicas adversas, tanto de chuvia e vento ou de moito sol. Será unha cuberta de planta trapezoidal, para adaptarse á forma irregular da área de xogos, cunha estrutura metálica e unha cubrición de policarbonato. O proxecto sairá a licitación cun orzamento de case 140.000 euros e prevese un prazo de execución da obra de 75 días naturais.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: