SAÚDE

Actividades de concienciación, charlas e un gran mural para conmemorar o Día Mundial da Sida

30/11/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe, acompañada de Jorge Carballido, técnico da UMAD, as actividades organizadas polo Concello para concienciar sobre o VIH co gallo do Día Mundial da Sida.

Este día conmemórase en todo o mundo o 1 de decembro, estipulándose esa xornada dende o ano 1988, coa finalidade de "dar a coñecer os avances médicos contra esta pandemia e, sobre todo, as distintas formas de prevención do seu contaxio". Tamén é importante poñer o foco "na información para evitar caer nos mitos que existen en torno ao VIH", indicou a concelleira.

Sumándose a este día, o Concello organiza charlas, actividades de concienciación, ou un gran mural a cargo de Mutante Creativo, que se levará a cabo ao longo destes días na fachada do Centro Cívico do Castiñeiriño que vai dar á rotonda e que tamén busca visibilizar a enfermidade. En representación deste colectivo, Marcos Couso, explicou que "o mural falará da necesidade de apoio social e de comprensión para as persoas que padecen VIH. Será unha metáfora que permanecerá no tempo".

Espazo de látex
Mañá sábado colocarase un gran lazo vermello na praza do Matadoiro, que sinalará tamén o lugar das charlas "Espazo de látex", a cargo da entidade Sexium. Os sexólogos Penélope Alonso e Alfredo Saborido serán os encargados de impartir as charlas de prevención e información sobre o VIH.

A partir das 17:00 horas celebrarase o relatorio "O emprego do preservativo e as súas dificultades", ao que seguirá, ás 18:00 horas, a charla "A muller na negociación do uso do preservativo", para rematar a xornada ás 19:00 horas con "A educación sexual e a prevención das ITS: son o mesmo?". A convocatoria está aberta á participación do público xeral, especializado e colectivos da cidade.

A idea deste espazo é que as persoas asistentes poidan contar cos produtos dos que habitualmente se fala en materia de prevención como preservativos masculinos, femininos, bandas de látex, lubricantes... e servirá para que as persoas asistentes poidan presentarse antes do comezo das charlas e posterior debate.

Centros escolares
As actividades polo Día Mundial da Sida chegarán tamén aos institutos da cidade, onde os alumnos e alumnas de 4º da ESO traballarán sobre esta pandemia a través de obradoiros de dúas horas. Alí falarán sobre a diversidade sexual e a necesidade do uso do preservativo como medio de prevención das ITS e non só como método anticonceptivo, así como da necesidade de usalo en relacións non heteronormativas.

Nesa liña traballarán tamén sobre o cómic elaborado o ano pasado polo Concello que leva o nome de Cousas da VIHda, no que se amosa unha visión positiva sobre como tratar a Sida. O texto é da Asociación Sexus e os debuxos de Ramón Marcos e Jorge Castelli.

Compartir: