XUNTA DE GOBERNO

O Goberno destinará case 350.000 euros ao arranxo da cuberta do pavillón municipal Quiroga Palacios

30/11/2018 A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto de reparación da cuberta do pavillón municipal Quiroga Palacios, unha actuación na que se van investir case 350.000 euros. O alcalde recordou que "nestas instalacións véñense rexistrando incidencias de maneira reincidente, relacionadas sobre todo coas filtracións de auga". Martiño Noriega apuntou que "estas obras son especialmente necesarias porque a cuberta do pavillón funciona tamén como patio de recreo do CEIP, que vén de celebrar o seu 50 aniversario".

A cuberta do pavillón Quiroga Palacios fora sometido a anteriores reparacións parciais, que non evitaron as frecuentes filtracións de auga, que tamén están relacionadas cos danos nas fachadas do propio edificio do colexio. Ademais, a cuberta funciona como patio do centro, e neste punto tamén existen problemas relacionados co estado do pavimento e cos peches laterais da pista deportiva, que tampouco cumpre cos criterios de accesibilidade. Deste xeito, o proxecto aprobado hoxe contempla tanto a substitución da impermeabilización da cuberta como a renovación do pavimento do patio, coa construción dun novo peche e dunha rampla que mellore a accesibilidade. A actuación conta cun orzamento de case 350.000 euros, e un prazo de execución de dous meses.

Proxecto piloto de "realidade mellorada"
A Xunta de Goberno tamén lle deu hoxe o seu visto bo a un convenio de colaboración entre o Concello e Orange para desenvolver en Santiago un proxecto piloto de "realidade mellorada con infraestrutura 5G e cámaras 360º e información enriquecida para o turista", que tamén chegará a Barcelona, Sevilla, Málaga, Valencia e Bilbao.

O proxecto ten como obxectivo "a visualización en tempo real de imaxes procedentes de lugares turísticos, de interese para o público en xeral e en particular para persoas con mobilidade reducida, e que permitirán mellora a experiencia dos turistas, con información complementaria á habitual mediante o uso da realidade virtual". A intención de Orange é instalar a infraestrutura en puntos simbólicos da cidade, sempre que sexa compatible coa normativa específica de cada área de implantación.

O convenio non suporá ningún custo económico para o Concello.

Cesión de parcelas
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta da cesión de dúas parcelas ao Concello de Santiago por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. As dúas están situadas na parroquia de Marantes. Unha das fincas localízase ao carón do cemiterio parroquial, e funciona como campo da festa, e a outra é a parcela na que xa se construíu no seu día unha Estación Depuradora de Augas Residuais.

Compartir: