POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela presentou a folla de ruta do seu Plan Integral de Atención ás Persoas sen Fogar

29/11/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentaron esta mañá a xornada Abordaxe do Senfogarismo en Compostela: Estado da situación e plans de acción, que se celebra hoxe na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela, e que está organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde e a Mesa de Traballo para o estudo da Situación das persoas sen teito-transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

O alcalde incidiu en que "para o Goberno local é unha obriga incrementar o investimento social, como xeito de frear as desigualdades, e nesa liña enmárcase o Plan de Atención para Persoas sen Fogar no que vimos traballando e que hoxe presentamos". Noriega lembrou que se triplicou o orzamento dende o comezo do mandato e hai previsión de seguir aumentándoo de cara a 2019.

Pola súa parte, a concelleira Concha Fernández, explicou que "van xa tres anos dende que se comezou a traballar na abordaxe do senfogarismo, con responsabilidade e rigor e tendo sempre claro que é no terreo dos dereitos fundamentais onde nos xogamos a dignidade, a cidadanía, a participación e a democracia" e engadiu que "non podemos facelo só dende o Concello, é necesaria a corresponsabilidade doutras administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia, que é quen ten competencias en saúde e vivenda"

Lucía del Río, psiquiatra e asesora técnica do Concello presentou o traballo de planificación do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar realizado durante estes tres anos, nos que se visitaron 13 centros en todo o Estado para recoller referencias e experiencias de éxito, e se contou coas opinión e achegas de moitas persoas sen fogar de Compostela para elaborar un diagnóstico participado. Este centro estará situado no Parque de Belvís e contará cun investimento dun millón de euros de fondos europeos EDUSI. Haberá un servizo de atención diúrna e unha residencia temporal que permita estadías medias de ata 1,5 ou 2 anos. Lucía del Rio explicou que, despois de ver outras experiencias, o Concello de Santiago aposta por "un centro no que haxa poucas prazas para evitar aglomeracións e que ofreza espazos dignos o máis parecidos posible a un fogar". Habería dúas habitacións dobres para parellas, tres canceiras para persoas que acudan con animais de compaña, e dous cuartos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

O asesor do Concello, Miguel Vieito, presentou o borrador do Plan Municipal de Atención a Persoas Sen Fogar como "unha folla de ruta a partir da cal se deben desenvolver múltiples acción" e incidiu en que deben colaborar diversas administracións para que teña éxito. Vieito ofreceu datos sobre o último reconto efectuado polos equipos de rúa de Cruz Vermella na cidade: o 80% son homes, un 70% de nacionalidade española e nunha alta porcentaxe solteiros e con algunha patoloxía mental, pero advertiu que "basear a atención nun perfil concreto é un erro, hai que facer sempre un achegamento individual para non perder por exemplo a perspectiva de xénero de tantas mulleres que non aparecen nos recontos e viven outras tipoloxías de senfogarismo menos visibles a pé de rúa".

Estratexias e modelos de atención
Dende Euskadi, o director de Servicios Sociais do Goberno vasco, Emilio Sola Ballojera, presentou as liñas da Estratexia Vasca para Persoas sen Fogar 2018-2021, nas que se inspira en boa medida o plan de Santiago. Sola considera que "é esencial actuar na prevención e que os centros de atención teñan características similares a un fogar". Sola apuntou que "o gasto que destina Euskadi á atención de persoas sen fogar multiplica por cinco o investimento que se fai no resto do Estado, pero –puntualizou- sabemos que o reto é distribuír mellor os recursos para que non se concentren unicamente nas capitais".

Sobre o perfil das persoas sen fogar no País Vasco dixo que, segundo un dos últimos recontos, "o 28% leva máis de cinco anos na rúa e o 15% son vítimas de agresións, o dobre no caso das mulleres". Sobre as particularidades que afectan ás mulleres en situación de senfogarismo falou a última poñente da sesión da mañá, Iria Gippini, coordinadora de Médicos del Mundo en Galicia. Gippini asegurou que "non hai un perfil de persoas sen fogar, é algo que cambia, pero as mulleres si están nunha situación de maior exclusión que os homes". Gippini explicou que "as mulleres que están na rúa son vítimas de malos tratos e tratan de agocharse en naves, en casas okupadas ou en infravivendas, case sempre teñen fillos entón tratan de non estar no foco para non poñer en perigo a custodia". Rematou a súa intervención apuntando que hai que ir buscar a estas mulleres e poñer á súa disposición recursos específicos para elas.

Na sesión da tarde, Ana Pardo Fernández, responsable da Asociación Provivienda, falará do labor desta entidade de referencia no ámbito do aloxamento e a intervención social sostible, recoñecida pola súa calidade, independencia e compromiso no desenvolvemento de actuacións que teñen como obxectivo a mellora da calidade de vida das persoas, proporcionándolles vivendas dignas e axeitadas ás súas necesidades e posibilidades.

Despois intervirá Ángels Mira Cortadellas, xerente do Instituto Municipal da Vivenda e Rehabilitación de Barcelona (IMHAB) para presentar as liñas de traballo e os resultados que se están acadar nesa cidade, con grande presión turística e un elevado índice de desafiuzamentos, onde converxen ademais problemáticas complexas plantexadas polas persoas migrantes.

A última mesa da xornada, dedicada a políticas de vivenda en Compostela e Galiza, estará moderada por Iago Lestegás Tizón, doutor arquitecto e membro do Grupo de Análise Territorial da USC, onde desenvolve investigación nos eidos do urbanismo e a vivenda, que amosará algúns gráficos con datos sobre a evolución do parque habitacional galego entre 1991 e 2011, a composición dos modelos nos diferentes países da UE, as dinámicas do sector da construción antes e despois da crise de 2008, a problemática da vivenda baleira e a expansión do mercado do arrendamento turístico en Compostela.

Intervirán na mesa Jorge Duarte, concelleiro de Dereito á Vivenda en Compostela, que falará do programa AVIVA (Programa Municipal de Mobilización de Vivenda Baleira); e Encarna Otero, ex directora xeral de Vivenda, que falará do dereito a vivenda e as políticas públicas durante o período do goberno bipartito 2005-2009, da Lei de Vivenda e da experiencia de xestión de vivendas no barrio da Tinería en Lugo.

A xornada pecharase coa proxección do filme El Triste olor de la carne, que narra a tensa xornada dun executivo que sufre os efectos dunha crise que probablemente el mesmo axudou a forxar. O filme está dirixido e guionizado por Cristóbal Arteaga en 2013 e producido pola canguesa Deica Audiovisual. Un dos seus responsables, Paulo Bouzas, será o encargado de presentala.

Compartir: