MEDIO AMBIENTE

A Fundación Biodiversidade divulga o "Descarboniza! Que non é pouco..." como iniciativa de adaptación ao cambio climático

29/11/2018 A Fundación Biodiversidade vén de poñer en marcha unha campaña de divulgación das accións incorporadas ao proxecto europeo Life Shara, entre as que se atopa o programa Descarboniza! Que non é pouco.... Esta iniciativa, impulsada pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia en colaboración co Grupo de Investigación SEPA da USC, ten recibido unha subvención de 44.000 euros da Fundación, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A Fundación Biodiversidade puxo en marcha a campaña "Compartindo solucións. Iniciativas de adaptación ao cambio climático" para mostrar o traballo de persoas e entidades "que xa se puxeron mans á obra para adaptarse ao cambio climático". A través dela, a entidade prevé difundir un total de 30 proxectos de todo o Estado. Na primeira quenda, incluíronse 15 programas desenvolvidos en ámbitos moi diferentes e con obxectivos diversos, como a mellora do bosque mediterráneo de Menorca, a mellora das políticas alimentarias en Valencia, a conservación do Parque Nacional do Teide ou a adaptación da viticultura ao cambio climático en Bodegas Torres. Nesta primeira entrega, unha das iniciativas que está a ser promocionada é o proxecto Descarboniza! Que non é pouco..., posto en marcha pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia e o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago.

Tal e como recolle a Fundación Biodiversidade, o programa Descarboniza! Que non é pouco... procura establecer vínculos sólidos entre o cambio climático e as nosas decisións cotiás, tanto individuais como colectivas, para afrontar este reto como unha auto-responsabilidade". Despois dunha primeira experiencia piloto en tres centros cívicos, o proxecto desenvólvese na actualidade noutros seis, con grupos de persoas adultas, a maioría mulleres de entre 50 e 80 anos. Unha das claves do proxecto éa recuperación da memoria individual e colectiva, para comparar o modelo de vida que as persoas participantes levaban no pasado, de baixas emisións e sustentable, co que levan na actualidade.

O proxecto Descarboniza! Que non é pouco... ten recibido unha subvención da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que permitirá reforzar as súas actividades de cara ao vindeiro curso. A axuda ascende a algo máis de 44.000 euros, e permitirá mellorar o programa en Compostela e colaborar co Concello de Donostia na implantación desta metodoloxía adaptada ás súas características particulares.

Compartir: