DEPORTE

O barrio de San Pedro acolle a última proba puntuable do circuíto CorreSan con máis de 800 participantes

29/11/2018 Todo listo para a última carreira do VII Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan, que chega por primeira vez, ao barrio de San Pedro. Trátase dunha proba circular, con saída e chegada na rúa de San Pedro e cunha lonxitude total para a proba absoluta de 4,7 quilómetros, aproximadamente 2,350 por volta, e dun quilómetro para a categoría escolar 1 e de dous quilómetros para escolares 2.

Este xoves, a unhas horas de rematar o prazo de inscrición, xa había máis de 800 persoas confirmadas en todas as categorías, o que amosa que cada edición o CorreSan consegue captar a máis participantes, superando ano a ano as expectativas e consolidando o circuíto. Nesta ocasión trátase dun percorrido que discorrerá polas rúas de San Pedro, calzada de San Pedro, Belvís, Quiroga Palacios, Bispo Teodomiro, Corredoira das Fraguas, Lagartos, Santo Antonio, Campo do Forno e de novo San Pedro, para subir pola rúa do Medio e baixar pola rúa de Bonaval.

O circuíto de escolares, dun quilómetro de lonxitude, pasará pola rúa de San Pedro, calzada de San Pedro e rúa de Santo Antonio, para subir por Campo do Forno, San Pedro, rúa do Medio e a baixada pola rúa de Bonaval. Os escolares 2 deberán realizar dúas voltas a este circuíto.

Horarios
A saída será este sábado ás 16:45 horas, co comezo da proba de escolares 1. A partir das 17:00 horas será a quenda dos escolares 2, que darán dúas voltas ao circuíto de escolares. Xa a partir das 17:20 sairán os/as participantes da proba absoluta, que terá unha lonxitude de 4,8 quilómetros e na que se darán dúas voltas ao circuíto de adultos.

Trátase da última proba puntuable do circuíto e que pon fin a esta sétima edición do CorreSan. Como en anos anteriores, a última carreira pretende ser unha homenaxe aos barrios, elixíndose nesta ocasión o barrio de San Pedro para a súa celebración. Dende o Concello de Santiago quérese agradecer tamén o labor da asociación veciñal do barrio e a súa colaboración para a celebración da proba.

Cortes de tráfico e cambios no transporte urbano
Con motivo da carreira, entre as 16:00 e as 19:00 horas, permanecerán cortadas ao tráfico (incluso para os/as residentes) as rúas do ámbito de San Pedro e de Bonaval. Así, os vehículos que circulen dende a rúa de Virxe da Cerca non poderán acceder á rúa de Valle-Inclán (que estará cortada) e deberán seguir pola rúa das Rodas. Debido tamén ao corte das rúa de Valle-Inclán e de Bonaval, non poderán acceder ás mesmas os vehículos que circulen pola rúa dos Concheiros e rúa da Angustia, que en todo caso deberán seguir pola rúa de Betanzos.

Estes cortes afectarán a varias liñas do transporte urbano no horario referido (16:00 a 19:00 horas):

- Liñas 7 e P3: ao non poder acceder á rúa de Valle-Inclán, as liñas rematarán o percorrido por Rodas, San Roque e Basquiños, realizando o cambio de sentido na praza da Paz. Quedarán suprimidas as paradas 637, Valle-Inclán dársena; e 639, Valle-Inclán La Salle. Será parada alternativa a 573, situada na rúa San Roque nº 21, así como a parada habitual de Virxe da Cerca, Praza de Abastos.

- Liña C5: a partir da saída do polígono de Costa Vella das 16:30, a liña desviarase dende a rúa Berlín pola avenida de Rodríguez de Viguri, San Caetano, Pastoriza e San Roque, retomando a partir de aí o seu itinerario habitual. Quedarán suprimidas as paradas 196, Concheiros nº 39; 220, Cruceiro de San Pedro; 154, Campo da Angustia; 557, San Domingos de Bonaval; e 639, Valle-Inclán La Salle.

- Liña C11: a liña desviarase dende Virxe da Cerca pola rúa das Rodas, San Roque, Pastoriza, Ánxel Casal e avenida de Rodríguez de Viguri, retomando o itinerario na rúa de Berlín. Quedarán suprimidas as paradas 397, Porta do Camiño; 511, rúa de San Pedro nº 58; 219, Cruceiro de San Pedro; e 197, Concheiros nº 64.

Todas as paradas do transporte urbano nos distintos percorridos de desvíos serán paradas alternativas a realizar polas liñas a demanda de usuarios.

Compartir: