CENTROS CÍVICOS

O barrio de Conxo celebra unha nova edición da súa Festa das Cabazas

31/10/2018 O barrio de Conxo, fiel á súa cita co Samaín, celebra unha nova edición da Festa das Cabazas, organizada pola Comisión das Festas Tradicionais de Conxo, da que participa o seu centro cívico. Este sábado 3 de novembro haberá actividades para nenos e nenas, magosto, música e ata unha procesión de ánimas.

O programa arrincará ás 18:30 horas na praza de Aurelio Aguirre coa exposición de cabazas, postos de artesanía e obradoiros. As cabazas desta mostra serán as que participaron no Concurso de Cabazas Terroríficas, que os participantes deberán entregar no Centro Sociocultural de Conxo o venres 2 e o propio sábado 3 antes das 18:00 horas. Haberá premios para as mellores cabazas.

Paras os máis pequenos e pequenas haberá un Túnel do Terror. De 18:30 a 19:15 será o pase para os/as nenos/as a partir de 5 anos, mentres que de 19:15 a 20:00 horas será a quenda da rapazada de 8 a 14 anos. Tamén haberá un pase para adultos ás 20:15 horas.

Outro dos puntos fortes da festa será o magosto e a chocolatada, que comezarán ás 19:30 horas. A música poñerana Peter Punk e Brais das Hortas.

Para rematar a celebración, ás 21:00 horas sairá a Rolda da Santa Compaña, unha procesión de ánimas á que a organización anima a acudir coa vestimenta propia da ocasión.

Compartir: