ESPAZOS CIDADÁNS

O Pleno debaterá en novembro o borrador do Plan Especial e a primeira versión do Plan de Xestión da Cidade Histórica

31/10/2018 O Goberno local levará ao Pleno do mes de novembro o borrador do Plan Especial e o seu documento de avaliación ambiental, así como a primeira versión do Plan de Xestión da Cidade Histórica. De seren aprobados, pasarán a exposición pública por un prazo de dous meses.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, deu conta hoxe das claves deses documentos, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por Antonino Antequera, un dos redactores da modificación do Plan Especial, e por Juan Requejo, director do Plan de Xestión. Os tres participaron tamén na presentación previa dos traballos na Comisión de Seguimento do Plan Especial, na que están representados todos os grupos da Corporación, así como outras entidades relevantes da cidade.

Plan Especial
Antonino Antequera explicou dous dos documentos que irán ao Pleno de novembro: o avance do Plan Especial e o documento ambiental estratéxico, que "analiza as implicacións sociais, económicas e ambientais da modificación do Plan Especial, e que é un requirimento normativo". Segundo explicou, a principal novidade do documento que deberá votar a Corporación é que "decidimos ir máis alá do propósito inicial de facer unha modificación meramente correctiva do plan vixente e das contradicións e erros que se detectaron na súa aplicación nestes vinte anos". Finalmente, apuntou Antequera, apostouse "por un horizonte de modificación máis amplo, que mesmo requirirá cambios no PXOM, porque mudará a liña perimetral do Plan Especial". Tamén se prestará especial atención a "zonas do interior da cidade histórica que non se desenvolveron nestas dúas décadas e que ficaron como zonas de deterioro".

O responsable da modificación do Plan Especial tamén se referiu á necesidade de articular instrumentos para "frear a perda de vitalidade residencial da zona histórica". En concreto, Antequera referiuse a medidas directas, "nas que o Concello xa ten avanzado nos últimos anos, como as axudas á rehabilitación, o fomento dos alugueiros ou o plan de vivenda baleira", e medidas indirectas "relacionadas coa mellora do confort residencial".

Plan de Xestión
En canto á primeira versión do Plan de Xestión, o seu codirector insistiu en que "aínda que a de Plan de Xestión é a denominación imposta pola Unesco, este documento é realmente un Plan Estratéxico no que Santiago toma como referencia o Plan elaborado en Florencia, no que os propios florentinos e florentinas definiron a cidade que queren e o seu futuro". Juan Requejo lembrou que o documento foi elaborado "a partir dun longo proceso participativo, no que se identificou que o principal reto da cidade histórica é manterse como cidade viva e non converterse nun lugar no que unicamente se acumula o patrimonio para que o visiten os turistas". Ademais, apuntou a necesidade de "optimizar o potencial da cidade histórica como foco de coñecemento, da creación artística e da actividade cultural.

En base a iso, o documento establece oito obxectivos estratéxicos:

- Desenvolver o potencial de acollida residencial na cidade histórica e recuperar as actividades comerciais e culturais propias e específicas.
- Asegurar a conservación do patrimonio histórico-arqueolóxico, nos seus compoñentes e na súa estrutura.
- Integrar a cidade histórica na súa base territorial, recuperando os principios sustentables dos sistemas tradicionais de auga, enerxía, residuos e fertilidade, aplicando as tecnoloxías máis evolucionadas.
- Reorientar o modelo turístico reforzando a conservación e coñecemento do patrimonio e a relación amigable cos residentes.
- Profundar no coñecemento do patrimonio, comunicar e educar.
- Impulsar o vínculo da cidade histórica coa innovación e o coñecemento, xunto co apoio ás actividades creativas.
- Integrar a cidade histórica no seu contexto urbano e comarcal, reforzando a vertebración orgánica cos seus bordes e organizando un esquema de mobilidade adaptada ás condicións específicas da cidade histórica.
- Establecer un sistema de gobernanza específico, eficaz, transparente e participativo.

A partir da definición deses obxectivos, a primeira versión do Plan de Xestión establece unha serie de medidas e recomendacións para conseguilos a través de instrumentos urbanísticos, da política turística, ou doutros plans xa existentes ou en elaboración como o PXOM, o Plan Director de Zonas Verdes, o Plan de Mobilidade ou o Pacto Local polo Emprego.

Compartir: