TURISMO

Compostela reforzará os seus contactos internacionais en FITUR

30/01/2007 Turismo de Santiago estará presente na feira FITUR Congresos, entre o 29 e 30 de xaneiro, e na gran edición de FITUR 2007, que se celebrará do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro no Parque Ferial Juan Carlos I de Madrid.

A axenda de traballo de Turismo de Santiago para o maior evento feiral do turismo español foi presentada polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela.

Entre o 29 e 30 de xaneiro, a cidade estará representada en FITUR Congresos polo Santiago de Compostela Convention Bureau, que manterá reunións comerciais con distintas empresas nacionais e internacionais organizadoras de congresos, axencias de viaxe e outras entidades de promoción de destinos de reunións profesionais.

As actividades compostelás arrancan o mércores 31 ás 13:00 horas coa xuntanza do Grupo de Cidades do Camiño de Santiago. Esta iniciativa de Turismo de Santiago, recollida pola Federación Española de Municipios y Provincias e a Secretaría General de Turismo, reúne desde 2006 ás principais capitais do Camiño Francés (Pamplona, Logroño, Burgos, León e Compostela) nunha rede de promoción turística.

A nova xuntanza permitirá ao grupo aprobar os seus estatutos definitivos e comezar a traballar pola promoción do turismo urbano na ruta de peregrinación.

Ese mesmo día está prevista ás 17:00 horas a presentación da rede de "Cidades Santas Patrimonio da Humanidade" aos profesionais asistentes á feira. O grupo, integrado por Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén, dará a coñecer o seu proxecto de promoción turística conxunta e cooperación en materia patrimonial, relixiosa e cidadá ante turoperadores e axentes de viaxe, coa presenza dos directores xerais de turismo de Israel e Roma e do concelleiro compostelán Francisco Candela.

Candela asistirá tamén á reunión executiva do Spain Convention Bureau, do que é presidente (mércores 31, 18 h), e á xuntanza da Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios y Provincias (xoves 1, 10 h).

Xoves 1 de febreiro

Os representantes de Turismo de Santiago en FITUR dedicarán o xoves a xuntanzas cos directores das oficinas de turismo españolas nas principais cidades europeas, como Berlín, Viena, Frankfurt, Roma e Dublín, e de importantes emisores de turismo cara a Compostela, como Sao Paulo en Brasil e Toronto en Canadá.

Ese mesmo día o Hotel Silken Puerta América acollerá a xuntanza de cidades pertencentes ao Sistema Integral de Calidade Española en Destinos, SICTED, do que Santiago é destino piloto.

Venres 2

Santiago de Compostela participará o venres en diversas xuntanzas como membro do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas, entre as que destaca a reunión deste grupo de promoción con representantes de Turespaña para a sinatura do seu convenio anual.

O convenio, que apoia cada ano os plans promocionais destas 11 cidades españolas con declaración da Unesco, contempla un plan de comunicación que fará especial énfase na asistencia a grandes feiras, as viaxes de familiarización e prensa, así como accións de marketing directo on-line e off-line e a impresión de materiais.

Compartir: