ALCALDÍA E DEPORTE

Arrinca a Festa do Deporte coa participación de máis de 1.000 escolares e máis de 40 disciplinas deportivas

28/09/2018 Chegou a segunda edición da Festa do Deporte, na que durante a xornada de hoxe e mañá participarán case 50 entidades da cidade de 43 disciplinas deportivas. A xornada de hoxe está dedicada á participación dos centros escolares, para fomentar hábitos de vida saudables e o exercicio físico fóra das escolas. O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Deporte, Noa Morales, visitaron as actividades nas que estaban a participar 1.200 alumnos e alumnas de 11 centros.

As sedes principais son o parque público de Galeras e as instalacións deportivas de Santa Isabel, concretamente o pavillón e o campo de fútbol municipal. De forma puntual, o venres 28, en horario de 18:00 a 20:30 horas, programarase na praza Roxa unha proposta recreativa e musical co fin de dinamizar e promocionar o propio evento.

Novidades
Este ano incorpóranse catro novas disciplinas deportivas como son o volei praia, a orientación, a andaina e un set de motor a cargo do piloto Luis Penido, que incluirá realidade virtual ou visita do coche de competición.

Cóntase tamén coa colaboración do COLEF (Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física), que impartirá obradoiros para a realización de test de presión manual informando in situ do resultado conforme aos valores de referencia de forza e exemplos significativos para os participantes, sexan ou non deportistas. Cruz Vermella tamén levará a cabo obradoiros de primeiros auxilios e RCP Básica.

Obxectivos
O fin principal do evento é que Compostela viva unha exaltación do deporte e que participen o maior número de persoas posible. Será un evento recreativo e popular que estará aberto á participación, con carácter gratuíto, de toda a familia, e que contará con actividades adaptadas ao nivel de todos os/as asistentes. Con carácter xeral, o rango de idade para participar será de 6 a 70 anos, se ben haberá propostas que polas súas especiais características reducirán esta franxa ou simplemente se ofertarán en modalidade de exhibición.

A Festa conta coa participación do trailer de Gadisa, que desenvolverá actividades de fomento da comida saudable e da actividade física, conceptos que axudan a comprender a necesidade de facer pequenos axustes no noso día a día para obter excelentes resultados na nosa saúde e na do Planeta.

Coa participación nunha actividade realizarase un prezo especial no aparcadoiro e, no caso de participar en tres, conseguirase un pequeno avituallamento de Gadis. Finalmente, se se participa en dez actividades regalaranse entradas para un partido da SD Compostela ou do Santiago Futsal.

Corporación e medios de comunicación
Como tamén se fixo o ano pasado, haberá dous partidos que enfrontarán a membros da Corporación compostelá con xornalistas de Santiago e distintas personalidades. Será o sábado a partir das 12:00 h, cun primeiro encontro de volei praia no parque de Galeras e outro ás 12:30 h de fútbol oito no remodelado campo de fútbol de Santa Isabel.

Compartir: