ALCALDÍA

O alcalde recibiu a Premio Nobel May-Britt Moser

27/09/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu a Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina en 2014, May-Britt Moser. A neurocientífica está en Compostela da man da Fundación AstraZeneca e Nobel Media, no marco do programa ConCiencia, para compartir unha xornada con científicos/as galegos/as.

May-Britt Moser chegou ao Concello logo de impartir unha conferencia na Facultade de Medicina titulada "O espazo, o tempo e a memoria no cerebro". Logo do seu paso polo Pazo de Raxoi, onde asinou no Libro de Honra, a Premio Nobel tiña previsto participar nun encontro con investigadores/as da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS).

A neurocioentífica e psicóloga norueguesa Mary-Britt Moser logrou en 2014 o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, compartido con John O'Keefe e a súa parella Edvard Moser, por "descubrir as células que compoñen o sistema de posicionamento no cerebro humano".

A Fundación AstraZeneca e Nobel Media, entidade que difunde a nivel mundial os logros e as experiencias dos Premio Nobel, organizaron, por primeira vez en Galicia e por segunda en España, Nobel Prize Inspiration Initiative, un programa que achega referentes científicos que inspiran a futuros investigadores a desenvolver a súa carreira profesional. En Santiago a iniciativa lévase a cabo en colaboración co programa ConCiencia, que suma así unha nova Premio Nobel á súa lista de convidados dos últimos anos.

Compartir: