IGUALDADE

As subvencións en materia de igualdade medran ata os 30.000 euros e manteñen as tres liñas de acción

31/07/2018 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, deu conta esta mañá dunha nova convocatoria de subvencións para o fomento de programas en prol da igualdade entre homes e mulleres e as persoas do colectivo LGTBIQ e de prevención e loita contra as violencias machistas.

Entre as novidades deste ano destacan o incremento da contía das axudas, que ascende a 30.000 euros. A diferencia en relación ao ano pasado é de 2.500 euros e de 7.500 en relación ao 2016. Poderase subvencionar o 100% do proxecto que presenten as entidades sempre e cando non se supere o límite máximo desta convocatoria, que está en 3.000 euros por asociación.

Tal e como explicou Marta Lois, "por terceiro ano consecutivo ampliamos tamén as entidades beneficiarias, de tal xeito que todas as asociacións de Santiago de Compostela que desenvolvan as súas actividades no termo municipal poden optar a estas axudas, que estaban limitadas ás asociacións de mulleres". Isto responde á necesidade de xerar políticas de xénero transversais e ao feito de que a igualdade debe ser cousa de todos e de todas

O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 10 de agosto e a tramitación das mesmas será en réxime de concorrencia competitiva. Para poder optar a estas subvencións deberá entregarse debidamente cuberto o Anexo I que vén incorporado á convocatoria e entregalo no Rexistro Xeral do Concello.

Tres liñas de actuación
Ao igual que en anos anteriores, esta convocatoria conta con tres liñas fundamentais: a primeira para acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a segunda para fomentar a igualdade efectiva das persoas LGTBIQ do Concello e a terceira para previr as violencias machistas.

Dentro da primeira liña de acción inclúense actividades que promovan a igualdade de xénero, como obradoiros en materia de igualdade, formación en linguaxe non sexista, accións de educación en igualdade, actividades que promovan o empoderamento das mulleres ou aquelas dirixidas a mulleres que poidan estar en risco de exclusión social ou sufrir discriminación por calquera condición.

Dentro da segunda liña de acción incluiríanse actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGTBIQ coas que se busca rematar cos estereotipos e coa LGTBIfobia, así como previr calquera tipo de discriminación por razón de sexo, orientación sexual ou identidade de xénero.

A última liña de subvencións pasa pola prevención das violencias machistas e nela inclúense actividades de sensibilización e educación, así como programas de sensibilización para a detección e denuncia de posibles situacións de violencia contra as mulleres.

En definitiva, trátase dunha convocatoria que busca garantir a igualdade, promover dereitos e evitar a discriminación e as violencias.

Compartir: