FESTAS

O flamenco fusión de Rosalía e os fogos fin de festa despiden o Apóstolo

30/07/2018 As festas do Apóstolo finalizan cun dos pratos fortes dos festexos. Chega á praza da Quintana a cantante catalá Rosalía, que presentará ao público compostelán as cancións do que será o seu novo álbum, El mal querer, co que está a revolucionar as redes. Os convites, que se podían recoller de balde no Teatro Principal, levan xa unha semana esgotados.

Rosalía naceu en Barcelona en 1993 e, na súa carreira, xa traballou con artistas como Juan Gómez "Chicuelo", Miguel Poveda ou Rocío Márquez. Participou en 2015 no popular festival Primavera Sound e, un ano despois, publicou o seu primeiro traballo, Los Ángeles, producido polo músico Raül Refree. Foi neste 2018 cando alcanzou a fama da que goza actualmente coa estrea do sinxelo "Malamente", que ten máis de 14 millóns de reproducións en YouTube. A segunda canción do novo traballo, estreada o pasado 24 de xullo, leva por nome "Pienso en tu mirá" e, en apenas unha semana, conta con case catro millóns de visualizacións.

A cantante catalá apostou polo flamenco máis puro no seu primeiro álbum e polo flamenco fusión e o trap nas cancións do seu novo traballo. Ademais, foi a responsable da música de cabeceira da popular serie de Netflix de Javier Ambrossi e Javier Calvo, Paquita Salas.

Recepción cidadá
As festas do Apóstolo rematarán xa entrada a madrugada cos tradicionais fogos fin de festa, tirados dende o Campus Sur a partir das 23:30 horas. O espectáculo terá unha duración de 18 minutos e contará cun total de 4.984 efectos de disparo e case 444 quilos de pólvora.

Unha representación cidadá poderá ver os fogos dende a terraza do Pazo de Raxoi, despois da recepción que o alcalde, Martiño Noriega, e o resto da Corporación fará a integrantes das asociacións veciñais e do Consello de Relacións Veciñais. Será ás 22:30 horas, recuperando así un acto que non puidera realizarse en 2017 a causa das obras na terraza do Pazo de Raxoi.

Rematados os fogos a atención céntrase en dous espazos, no Paseo Central da Alameda, coa orquestra Assia, e na praza do Toural, cos Cantos de Taberna de Manolo Bacalhau.

Compartir: