FESTAS

Wolfmother encherá de hard rock a Quintana

29/07/2018 As festas do Apóstolo van chegando ao seu remate, pero aínda teñen reservados algúns pratos fortes da programación. Mañá luns, a praza da Quintana será territorio de hard rock da man dos australianos Wolfmother.

A banda de Sidney ofrecerá un concerto na Quintana a partir das 22:00 horas. A música de Wolfmother está moi influenciada por bandas de rock como AC/DC, Led Zeppelin ou Black Sabbath. O grupo gañou en 2007 o Grammy á mellor interpretación de hard rock, pola canción "Woman", do seu disco Wolfmother. O seu último traballo, Victorious, viu a luz en 2016.

A axenda do luns complétase coa actuación de The Show Bass, unha banda formada en Santiago a finais de 2015. A súa música móvese entre o rocksteady, R&B e soul xamaicano, cun gran respecto e gusto polas músicas de raíz. A súa actuación, enmarcada no ciclo Compostela É! Música, será na praza do Toural a partir das 23:00 horas.

Compartir: