FESTAS

Rubén Blades, as Xornadas de Folclore e a "Feira na eira!" nunha intensa fin de semana do Apóstolo

27/07/2018 A que está a piques de comezar vai ser unha intensa fin de semana en Compostela, cunha chea de actividades na programación do Apóstolo. As Xornadas de Folclore e a Real Filharmonía de Galicia, o sábado, e o agardado concerto de Rubén Baldes, o domingo, son os pratos fortes da axenda dos vindeiros días, que tamén inclúe unha cita para os nenos e as nenas: a Feira na Eira! de Galeras.

A axenda musical da fin de semana comeza ben cedo no sábado, cunha sesión vermú na praza de Cervantes a cargo de Los Duques de Monterrey. Será ás 13:00 horas. Xa ás 20:00 horas, na praza do Obradoiro, teremos unha nova oportunidade para escoitar á Real Filharmonía de Galicia nas festas do Apóstolo, dirixida por Paul Daniel. O repertorio do concerto inclúe obras de Chaikovski e de J. Strauss.

Mañá tamén se celebrarán as tradicionais Xornadas de Folclore, que cumpren 50 anos. Ao escenario da praza da Quintana subirán, a partir das 22:00 horas, as agrupacións de baile e música tradicional de Santiago Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia. Unha hora máis tarde, a partir das 23:00 horas, na praza do Toural teremos un novo concerto do ciclo Compostela É! Música, desta vez con Blanco Palamera, formado por Xoán Domínguez, Manu Blanco e Pamper.

Rubén Blades, o domingo
A xornada do domingo nas festas do Apóstolo está marcada por un nome propio, o de Rubén Blades. O artista panameño chega a Santiago despois de 50 anos dunha exitosa carreira artística, con máis de 25 discos e 17 premios Grammy. Deles, tres chegáronlle polo disco que presentará o domingo na Quintana, Salsa Big Band: o Grammy Latino ao Mellor Álbum de Salsa, o Grammy Latino ao Mellor Álbum do Ano e o Grammy ao Mellor Álbum Latino. Rubén Blades estará acompañado de Roberto Delgado & Orquesta, unha das formacións de salsa máis destacadas de Panamá, cunha traxectoria de máis de vinte anos. O concerto, que forma parte da súa xira de despedida dos escenarios, comezará ás 22:00 horas.

O domingo tamén haberá concerto do ciclo Compostela É! Música na praza do Toural. Desta vez correrá a cargo de Valentín Caamaño Quartet, que presentará o seu novo disco The Blind Wrestler. Será a partir das 23:00 h. Antes, dende as 18.00 horas, os amantes do rap terán unha cita no Parque Fermín Bouza Brey de Vite. Alí celebrarase o Serán de Hip Hop, con Locoplaya, Anier, Denom, Rendi Nue e Garolo.

Feira na Eira! en Galeras
Na última fin de semana das festas, os nenos e nenas tamén terán o seu espazo protagonista na programación, grazas á Feira na Eira! que se celebrará no parque de Galeras nas tardes do sábado e do domingo.

A feira contará con zonas diferenciadas para actividades e obradoiros. Así, haberá unha "Zona de terra" destinada a xogos en familia e a xogos xigantes; unha "Zona de auga", na que haberá un gran tobogán de auga e unha área de chuvia con aspersores; e unha "Zona de aire", cunha pista de obstáculos inchable". Tamén está prevista unha "Zona de palla", na que os nenos e nenas poderán participar nun obradoiro para aprender a facer un palleiro; e unha "Zona de sombra", cun obradoiro para que os pequenos e pequenas fagan os seus propios sombreiros.

A Feira na Eira! complétase coa "Zona de escenario", pola que no sábado e no domingo irán pasando diferentes artistas. No sábado, actuarán o mago Luigi Ludus, a contacontos Vero Rilo e A Gramola Gominola, antes de rematar a xornada cun DJ. O domingo están previstas as actuacións de Crashh_DuoCircus, Pakolas e Uxía Lambona e a Banda Molona.

Compartir: