XUNTA DE GOBERNO

Iniciado o procedemento de licitación da oficina técnica do proxecto Smartiago

13/07/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de adxudicación do servizo da oficina técnica do proxecto Smartiago. O contrato terá un tipo de licitación de 565.000 euros, IVE incluído. Desa cantidade, o 80% procederá de fondos europeos FEDER. O proxecto Smartiago baséase no fomento da compra pública innovadora, e o Concello de Santiago ten captados cinco millóns de euros para o programa, en virtude do convenio asinado co Ministerio de Economía.

O Concello de Santiago foi o primeiro do Estado en asinar un convenio co Ministerio de Economía para a captación de fondos europeos FEDER destinados ao fomento da compra pública innovadora, no período 2014-2020. A primeira fase do proxecto Smartiago conta cun orzamento de case 6,2 millóns de euros, dos que 5 millóns procederán de fondos europeos, e unha duración estimada de catro anos. Nese prazo, procuraranse o desenvolvemento de solucións innovadoras para as tres liñas estratéxicas definidas no programa: a da xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, a da mobilidade intelixente sostible, e a do alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. De acharse esas solucións innovadoras, o Goberno implantaríaas nos servizos municipais, nunha segunda fase do Smartiago que se desenvolvería integramente con fondos propios. Deste xeito, o Concello converteríase no primeiro cliente dos investigadores que dean con esas solucións innovadoras, pero tamén sería socio parceiro que cobraría royalties no caso de que esas novas tecnoloxías foran contratadas por outras administracións.

A oficina técnica do Smartiago contará cun orzamento de 565.000 euros ata o ano 2021. Desa cantidade, 452.000 procederá de fondos europeos FEDER e 113.000 serán achegados polo Concello de fondos propios. A súa creación estaba recollida no convenio asinado co Ministerio de Economía para desenvolver o programa.

Escola Infantil de Salgueiriños
Na reunión de hoxe, o Goberno resolveu o procedemento de licitación do servizo de xestión da Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños. Será a empresa Servicios y Materiales SA a que se faga co contrato, por un importe dalgo máis de 400.000 euros anuais.

Doutra banda, a Xunta de Goberno de hoxe tamén acordou iniciar o procedemento de licitación de cadanseu vehículo para a Policía Local e para Protección Civil. No primeiro caso trátase da compra dun vehículo tipo furgón para o servizo de atestados, para o que se destinarán preto de 22.000 euros, mentres que para Protección Civil o Concello vai adquirir un vehículo todoterreo tipo pick up, cun orzamento de case 19.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: