XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación de dous contratos complementarios de rozas e mantemento

29/06/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o inicio de licitación de dous contratos complementarios para a execución de rozas en viarios e parcelas municipais e para actuacións de mantemento de pavimentos. A cada un deles destinaranse 121.000 euros.

A proposta do concelleiro delegado de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, hoxe iniciouse o procedemento de adxudicación dun contrato complementario para a execución de rozas, limpeza e mantemento de marxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais. O orzamento previsto é de 121.000 euros, IVE incluído. Do mesmo xeito, acordouse abrir o procedemento de adxudicación do contrato para a reparación de pavimentos nos viarios municipais, tamén cun importe de 121.000 euros.

Obras nas Pereiras
Aínda en materia de obras, hoxe quedou adxudicado o contrato para a mellora da pavimentación do viario de acceso ás Pereiras. A alcaldesa en funcións explicou que esta actuación "custará algo máis de 62.000 euros, procedentes do POS da Deputación da Coruña, e poderá arrancar neste mesmo verán". María Rozas lembrou, ademais, que se trata duns traballos que viñan sendo longamente demandados pola veciñanza da parroquia da Gracia.

Sinaléctica do rural
Outro dos proxectos que comezou hoxe o seu procedemento de adxudicación é o de instalación de nova sinaléctica no rural. Trátase dunha iniciativa que fora seleccionada no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide. A alcaldesa en funcións explicou que "a proposta tiña pouco orzamento dentro do proceso Compostela Decide, só 20.000 euros, porque fora das menos votadas dentro das gañadoras, e o Goberno decidiu completar a partida con outros 40.000 euros a maiores".

Compartir: