TURISMO

Nova campaña de concienciación sobre o problema dos pisos turísticos ilegais

29/06/2018 A Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, pón en marcha unha campaña de concienciación "para que tanto turistas coma residentes saiban das consecuencias negativas que ten a proliferación dos pisos turísticos ilegais". Trátase dunha acción coordinada co Concello de Barcelona, que tamén se vai desenvolver noutras cidades europeas cun importante fluxo turístico.

A concelleira Marta Lois presentou hoxe a campaña, que quere incidir en que "as camas turísticas ilegais incrementan o perzo da vivenda e expulsan á veciñanza da cidade histórica". A iniciativa diríxese a tres públicos concretos. En primeiro lugar, segundo explicou a responsable de Desenvolvemento Económico e Turismo, preténdese chegar "ás e aos turistas que visitan Santiago, e aos que se lles quere mostrar que os alugueiros turísticos ilegais poden ser prexudiciais para a súa propia seguridade". As mensaxes da campaña tamén van dirixidas ás persoas propietarias que alugan os seus pisos a turistas de xeito ilegal "para que sexan conscientes de que están incumprindo a lei, e iso pode ter consecuencias". Por último, preténdese amosarlle á veciñanza de Santiago "que a proliferación dos pisos turísticos promove a expulsión dos e das residentes da zona histórica de Compostela".


Marta Lois adiantou que "un dos puntos fortes da campaña será unha acción de marketing na rúa, moi visual, que se poderá ver en espazos emblemáticos de Compostela". Trátase da instalación dunha estrutura transparente, cunha cama no seu interior, e cos vinilos coa información da campaña. Poderase ver por vez primeira o 5 de xullo na Praza do Obradoiro. Despois estará na rúa Carretas, na Alameda e na Praza de Cervantes, e en ningún caso permanecerá máis de 24 horas en cada localización.
Ademais, na campaña botarase man de ferramentas de comunicación tradicionais como flyers, banners, redes sociais, autobuses e cartelería en diversos lugares e soportes da cidade. Tamén se habilitou unha páxina web: www.santiagodecompostela.gal/fairtourismSCQ

Tendencia preocupante
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo salientou que "Santiago está vivindo uns anos de importante crecemento turístico, e o Goberno quere desenvolver un modelo sostible, que concilie as necesidades e os dereitos dos visitantes cos da veciñanza". Nesa liña, Marta Lois mostrou a súa preocupación polos datos relacionados cos alugueiros turísticos ilegais, porque se estima "que en 2017 houbo máis de medio millónde pernoctacións neste tipo de aloxamentos, cun impacto directo de preto de nove millóns de euros sen fiscalizar". Estas parazas, salientou a concelleira, "supoñen competencia desleal contra o sector turístico regrado, que sigue as normativas e paga os seus correspondentes impostos, ao tempo que implica o incremento no prezo dos alugueiros dedicados a poboación residente".

Marta Lois lembrou que o Concello impulsará nos vindeiros meses unha serie de medidas para limitar o alugueiro turístico na zona histórica artellando un sistema de control efectivo con inspeccións nas vivendas e co respectivo establecemento de multas a aqueles propietarios e propietarias que non sigan as normativas correspondentes.

Compartir: