TURISMO

Compostela e A Coruña presentan no Comité de Rutas a súa proposta para mellorar a conectividade dos aeroportos galegos

31/05/2018 O aeroporto Rosalía de Castro – Santiago de Compostela – Lavacolla acolleu esta mañá a xuntanza do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia (CDRA), na que participou a concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois.

Á saída da xuntanza, a concelleira compostelá indicou a súa "satisfacción pola acollida da proposta e polo feito de que os tres concellos estean dispostos a colaborar". Na reunión púxose sobre a mesa a necesidade de que a Xunta convoque unha xuntanza urxente na que estea a Administración autonómica, as deputacións provinciais, os concellos e AENA.

Os concellos de Santiago e A Coruña expuxeron ante o comité de rutas unha proposta conxunta que ambos consistorios elaboraron co gallo de mellorar a coordinación e o impulso aeroportuario galego. "Consideramos que é preciso facer unha avaliación seria e obxectiva dos resultados acadados polo Comité de Rutas Áreas dos aeroportos galegos dende a súa constitución no ano 2010", indicaron os edís de ambos concellos.

Marta Lois e o seu homólogo na Coruña, Alberto Lema, trasladáronlle aos membros do Comité que "hai dúas realidades que é preciso ter en conta á hora de realizar esta valoración, como son os problemas de descoordinación entre administracións e entidades vinculadas cos aeroportos galegos e a consecuente consolidación de Porto como principal aeroporto do noroeste peninsular". Entenden os edís, tendo en conta ambas circunstancias, que o CDRA de Galicia "non demostrou ser unha ferramenta eficaz para o desenvolvemento da conectividade aérea de Galicia, non sendo capaz de unir e coordinar esforzos das administracións e outras institucións".

Creación dun ente xestor
Por iso, a proposta dos concellos de Santiago e A Coruña pasa pola creación dun ente xestor que teña como obxectivo fundamental coordinar os esforzos das distintas administracións para que o sistema aeroportuario galego poida competir de xeito consistente co aeroporto de Sa Carneiro, apostando cada cidade polas rutas que xa teñen asentadas e evitando a competencia entre elas. Este novo ente estaría formado polos tres concellos con aeroporto (Santiago, A Coruña e Vigo), as dúas deputacións provinciais, Xunta de Galicia e AENA, que como entidade xestora dos aeródromos podería aportar un plan de incentivos en taxas aéreas adaptado ao sistema galego.

Tal e como se indica na proposta elaborada por ambos concellos, "pensamos que este novo ente xestor só pode converterse realmente nunha ferramenta eficaz se existe un compromiso efectivo por parte de todas as administracións implicadas, e por parte tamén de AENA, primeira beneficiaria do incremento no tráfico nos aeroportos".

Ademais contaría con personalidade xurídica propia e encargaríase de elaborar un Plan Estratéxico para o desenvolvemento dos aeroportos galegos a medio prazo, un Plan de Acción anual no que se plasmarían as actividades a desenvolver nunha anualidade, e contaría cun orzamento anual, resultado das aportacións económicas que fagan as administracións representadas no ente, coas cantidades e porcentaxes que se acorden para cada administración.

Compartir: