ACCIÓN CULTURAL

Comeza a II Semana do Libro de Compostela

31/05/2018 Do venres 1 ao domingo 10 de xuño, a praza da Quintana acollerá unha nova edición da Semana do Libro de Compostela, cunha trintena de postos para a exposición das novidades e fondos das librarías e editoriais galegas e múltiples actividades complementarias para todos os públicos. A carpa da SELIC 2018 abrirá ás 17:00 horas para recibir os primeiros visitantes, que axiña poderán participar no brinde rosaliano oficiado polos Quinquilláns no Espazo Efémero, o lugar destinado para a presentación temporal de proxectos e novas iniciativas. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, acompañará, así, a Rosalía de Castro na apertura desta feira que busca reflectir e celebrar a diversidade do sector do libro de Santiago.

Este ano son 20 editoriais, 9 librarías e 8 institucións as participantes na SELIC, repartidas en 32 postos de exposición. O recinto contará ademais cunha zona de espallamento infantil, que concentrará as múltiples actividades deseñadas para o público miúdo, e manterá novamente unha área específica para as sesións de conversa e presentacións.

A primeira delas, ás 18:30 horas, dedicarase ao libro Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos, de Xohana Torres, editado pola Deputación da Coruña e o selo Engaiolarte. Con fotos de Xosé Xil, o libro recolle o ensaio inédito polo que a autora compostelá recibiu en 1972 o Premio Etnografía Federico Maciñeira, da Deputación da Coruña, e supón o primeiro volume publicado tras a súa morte. Na presentación participarán Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña; Xan Carballa, editor de diversas publicacións de Torres e membro de Engaiolarte; e Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega.

Tamén ás 18:30 horas encetarase o programa de actividades para público infantil e familiar. O colectivo Xandobela conducirá o obradoiro Poemas estampados, no que os máis pequechos poderán dar renda solta á súa creatividade e ilustrar poemas diversos con selos e tintas de cores.

As propostas da SELIC 2018 esténdense alén da carpa instalada na Quintana. Ás 19:30 horas arrancará no Museo da Casa da Troia un paseo literario que levará ás persoas asistentes por distintos recunchos do casco vello compostelán até retornar á praza. A participación é aberta sen necesidade de inscrición.

A axenda de actividades da xornada inaugural transcenderá tamén o horario de apertura da carpa e pecharase coa primeira sesión do OFF SELIC, un espazo para as propostas escénicas da feira que emprega as escadas da Quintana como auditorio natural. O contador Quico Cadaval será o encargado de encetar este espazo o venres ás 21:30 h, cunha actuación que xorde por iniciativa do Departamento de Lingua do Concello de Santiago.

Compartir: