EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Ábrese este venres o prazo de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores

30/05/2018 Do 1 ao 20 de xuño de 2018 (ambos os dous incluídos) estará aberto o prazo para a solicitude de reserva de praza e matrícula nos servizos de comedor e/ou de madrugadores para o curso 2018-2019 en calquera dos seguintes centros de educación infantil e primaria públicos de Compostela: Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e, no caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa, só no servizo de madrugadores.

O impreso de solicitude de matrícula, debidamente cuberto, entregarase no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende-4 - Galeras) ou no Rexistro auxiliar do Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo), ou en calquera dos termos establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Neste momento do proceso non é necesario achegar ningunha outra documentación.

O modelo oficial poderá descargarse da páxina web do Concello de Santiago, ou solicitalo no Departamento de Educación e Cidadanía (Edificio CERSIA, rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n), así como nos centros de ensino obxecto desta convocatoria.

Unha vez completado o proceso administrativo coa adxudicación do contrato, procederase á publicación da listaxe de admitidos e excluídos no servizo de comedor e madrugadores. Para facer efectiva a alta no servizo será requisito imprescindible achegar cuberto e asinado o impreso de domiciliación bancario que será facilitado polo concesionario do servizo. Non poderán facer uso de xantar e almorzo os/as usuarios/as con recibos impagados de cursos anteriores.

Unha vez que se produza a adxudicación do servizo, a Xunta de Goberno Local acordará os prezos a pagar por cada usuario/a para o curso escolar 2018-2019.

Máis información no Departamento de Educación e Cidadanía, a través dos teléfonos 981 554 400 / 401, do fax 981 571 511 ou da dirección de correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Compartir: