ALCALDÍA

Aberta a inscrición para participar na ruta "As pegadas de Rosalía"

27/04/2018 O sábado 5 de maio celebrarase a primeira das rutas do proxecto As pegadas de Rosalía destinada á veciñanza de Compostela. A actividade xorde tras a adhesión de Santiago en marzo a esta iniciativa, da que tamén forman parte os concellos de Padrón, Ames e Brión.

Os/as interesados/as en participar neste percorrido poden inscribirse de balde ante o 30 de abril a través do teléfono 981 542 312 ou do enderezo electrónico protocolo@santiagodecompostela.gal. As prazas son limitadas e serán adxudicadas por orde de solicitude, con preferencia para as persoas censadas no municipio. A inscrición inclúe o transporte en autocar, as entradas e as visitas teatralizadas. Non está incluído o xantar libre en Padrón.

As persoas participantes seguirán un itinerario circular que partirá ás 10:00 horas do sábado 5 de maio do Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval). Logo pararase en diversos lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro: praza de Vigo, San Xoán de Ortoño, igrexa de Bastavales, Casa Museo de Rosalía, Colexiata de Iria, Pazo de Arretén, Estatuta do Espolón e Pazo da Hermida.

A Ruta Rosaliana
As pegadas de Rosalía toma como referencia a ruta deseñada polo falecido Avelino Abuín de Tembra. Polo de agora, a ruta está concibida para ser percorrida en coche ou en autobús, pero o obxectivo é deseñar itinerarios para que o roteiro poida ser realizado en bicicleta ou mesmo a pé. Nas páxinas web de cada concello participante pódese atopar o folleto do proxecto, así como unha contorna web 360.

Compartir: